Está vendo o arquivo da categoría » Novembro 2011

Onte 83: Agustín en Guadalajara

bretemas —  30 de Novembro de 2011 — 3 Comentarios

Sei que nunca esquecerei esta Feira de Guadalajara con Agustín. Foi memorable o acto de entrega do Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil que onte recibíu apupado por centos de lectores e lectoras. A moi fermosa laudatio de María Jesús Gil emocionounos moito, moito, tanto pola calidez do retrato humano e literario presentado como por subliñar neste foro mundial o compromiso do autor de Contos por palabras coa lingua e literatura galegas. O discurso de Agustín foi o dun auténtico mestre.  Extraordinario! Dirixíndose aos habitantes da república dos soños e, sen dúbida, imbuído polo entusiasmo da mobilización lectora desta FIL sorprendente, Agustín defendeu a lectura como un pracer que se contaxia e como unha competencia imprescindible para construír unha sociedade máis xusta. O chamamento final, rotundo, emotivo, citando ao seu mestre Rodari, foi un broche de ouro para unhas palabras que pasarán a historia literaria. A ducia de membros da delegación galega nesta FIL apapachámolo coma tolos, expresando unha fachenda que saía do peito. Ao inicio do acto, Patsi Aldana, presidenta da Fundación IBBY, sinalou que “neste tempo tan díficil de crise, o mundo necesita de grandes libros e de moitos lectores que queiran ler e imaxinar novos mundos alternativos ao que vivimos. Para facer estes lectores son indispensables grandes autores de literatura de calidade como Agustín Fernández Paz”. Sei que o de onte foi un dos fitos máis senlleiros da literatura de noso. Beizóns, mestre Agustín!

Á volta a Galicia, que iniciamos nunhas horas, subiremos os discursos de María Jesús Gil e do propio Agustín. Ademais, contaremos coa gravación do acto realizado por  Xulio Abollo e coas fotografías de Rosa Aneiros. Uns documentos que moito pagan a pena.

Onte 82: Espazo para a lectura

bretemas —  29 de Novembro de 2011 — 1 Comment

O desenvolvemento da segunda xornada superou as mellores expectativas sobre esta FIL 2011. A de Guadalajara é tanto unha feira internacional do libro do perímetro iberoamericano como un festival literario dirixido cara todos os públicos, razóns pola que o sintagma que semella mellor lle acae é o de tratarse dun auténtico espazo para a lectura. Ademais, a FIL expresa unha vontade inequívoca de contribuír á mobilización lectora, tanto polo contido dos seus programas de actividades como polos numerosísimos chamamentos a prol da lectura e dos seus valores presentes tanto na sinalética do evento como, e sobre todo, nos espazos expositivos. Fun recollendo na libreta algúns deles que, a pesar de ser, na súa maior parte, xa coñecidos constitúen un recurso didáctico valioso: “Somos o que lemos”; “O libro abre os teus ollos”; “Os libros son para todos”; “Todos somos lectores”; “Facemos máis rica a túa lectura”; “Unha cidade lectora”; “Pase e lea”; “Ler é algo mellor do que podes imaxinar; non deixes que che impoñan a lectura; ler é máis engaiolante cando ninguén che obriga a facelo”; “Ler acelera os teus sentidos”; “Ler cos teus fillos é o teu mellor papel”… Estes chamamemtos a prol da lectura son apenas outro indicio do entusiasmo contaxioso deste evento no que, ademais, fomos capaces de mercar até media ducia de títulos moi interesantes relacionados co fomento da lectura, entre eles dous dos clásicos de Aidam Chambers (Conversaciones e Dime), e o clásico de Michèle Petit (Lecturas: del espacio íntimo al espacio público), ambos os tres da colección “Espacios para la lectura” do Fondo de Cultura Económica, a editora pública mexicana. Esta feira está axudándonos a interrogarnos e estimular a nosa curiosidade, si señor.

Onte 81: Somos lectores

bretemas —  28 de Novembro de 2011 — Deixa un comentario

Intensa primeira xornada da FIL de Guadalajara, ateigada de milleiros de persoas, que aquí de forma respectuosa son chamadas “lectores” e “lectoras”. Esta feira é capaz de contaxiar entusiasmo pola crenza das súas organizadoras (case todas son mulleres)  nas posibilidades da lectura e do libro (aquí, impreso, de forma abrumadora) para desenvolver civilidade e mellorar a educación, Esta feira, promovida dende hai vinte e cinco anos pola Universidade de Guadalajara,  pon o acento, sobre todo, na actividade literaria, nos debates e no protagonismo dos escritores, situándose moi lonxe do conformismo e do derrotismo ao que tan afeitos estamos. Aquí o libro é o pan da cultura e a lectura a actividade cultural primeira, O mellor exemplo do que dicimos foi participar na conversa entre Herta Müller e Mario Vargas Llosa, dous nobel, seguida por máis dun MILLEIRO de persoas, que agardamos o seu comezo cunha hora de antelación. A autora de Randea do alento brillou coa súa defensa dunha literatura que doa e fascine ao un tempo, Vargas Llosa cubriuse de gloria cando case ao remate afirmou que “Salvo en Cuba, non houbo totalitarismo en América Latina”, demostrando que non sempre os mellores escritores acertan nas súas análises políticas e sociais.

Onte 80: Viaxe

bretemas —  27 de Novembro de 2011 — 1 Comment

Tras case vinte horas chegamos a Guadalajara, onde participaremos nas actividades da FIL e acompañaremos a Agustín Fernández Paz na recollida do premio Iberoamericano de LIX. A pesar de que os avións trasatlánticos non son os mellores espazos para a lectura, aínda fun capaz de debullar as primeiras setentas páxinas (dunha extraordinaria CALIDADE) da nova novela de Anxo Angueira que publicaremos a comezos da primavera. As actividades literarias da FIL ábrense cunha conversa entre dous premio nobel, a nosa benquerida Herta Müller e Vargas Llosa. Se o wifi o permite, iremos dando conta do que vexamos máis interesante destes intensos tres días e medio en México.

Onte 79: Día das librarías

bretemas —  26 de Novembro de 2011 — Deixa un comentario

A pesar de estar sometidas aos azoutes da crise económica e da ventoleira da concentración comercial, a pesar de vivir ameazadas pola mudanza irreversible do paradigma da comunicación cultural e da súa revolución dixital, as librarías, como primeiros espazos comerciais especializados en lectura, amosan a súa vontade de RESISTIR. A pesar destas mudanzas e das incertezas sobre as caracteristicas do proceso de convivencia do libro impreso e dos produtos de lectura dixitais, hoxe o ecosistema da lectura, e aínda moito máis o da literatura, continúa alicerzándose sobre a libraría cultural, concibida como o espazo cultural de lectores e lectoras. No entanto, o mundo da libraría independente precisa dunha profunda modernización, que pasa, entre outras accións, pola necesidade de apertura cara ao seu entorno, mesmo pola creación dunha comunidade de clientes/lectores, tanto física como virtual. A celebración deste primeiro Día das Librarías asume ese compromiso. Consolidar esta cita do derradeiro venres do mes de decembro como día de portas abertas das librarías, coincidindo coa apertura da campaña de nadal, é un fermoso reto de futuro para CEGAL e para a Federación Galega de Libreiros, ao que non debemos permanecer alleos ás asociacións de editores e autores. Parabéns aos promotores, como o noso libreiro Xurxo Patiño, por este primeiro pulo.