Onte 14: Galicia quedou sen caixa

Lin que García de Paredes, o director adxunto de Novacaixagalicia prexubílase con 51 anos. Durante un anaco quedei conmocionado, xa que é a primeira vez que sei de algúen que se «prexubila» sendo máis novo ca min, o que debería supoñer outro síntoma de que me estou facendo maior. Mais comprendín que esa «saída» ben pouco tiña que ver co devalo da idade, como hai días sucedeu coa do seu compañeiro José Luís Pego (54 anos), xa que con certeza irá acompañada dunha indemnización elevada, pagada cos fondos públicos do FROB. A esta altura xa ninguén pode negar o fracaso do proxecto de fusión da caixa galega que eles dous conduciron, titorizada por Blanco e Feijóo. Galicia, magoadamente, quedou sen caixa. Como tampouco se pode negar que Pego e Paredes non tiñan espazo ningún no proxecto de Castellanos, que deixou os aforros de milleiros de galegos en apenas o 15% do capital dunha entidade, hoxe de capital público, mais que será privatizada no futuro. Mentres, Julio Fernández Gayoso participa na inauguración doutro auditorio «de la caja» co mesmo sorriso daquel día no que acompañou a Portanet a visitar os primeiros pisos de Coia. E, grazas ao Faro, sabemos que o Banco de NCG vai ser conducido a toda velocidade. Todo vai ir ben.

Entrevista en «El Ideal Gallego»

Creo que é interesante recoller a entrevista (pdf) que me fixo Carmen Alonso publicada o pasado domingo nos xornais El ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños. Creo que dá algunhas das claves das nosas preocupacións profesionais deste tempo.

Onte 13: reentrada de outono de Xerais

Non vou especular sobre as hipóteses que manexamos sobre o que nos pasou onte. A anotación de Alberto Quián explica de marabilla os límites tan imprecisos existentes hoxe entre algún tipo de xornalismo dixital e o publicado nas redes informativas e sociais. Quen me coñeza sabe que teño insistido nos últimos seis ou sete anos, xa desde o inicio da andaina do goberno de coalición PSdeG-PSOE BNG, –neste blog, mais tamén nos artigos semanais de Faro de Vigo, nas entrevistas, nas conferencias ou nos debates aos que fun convidado– na idea de que na edición en galego vivimos tempos difíciles, tempos de mudanza e incerteza, provocada polo tránsito entre o analóxico e o dixital, un proceso agravado no caso galego dende a ruptura do consenso arredor do estatus do idioma. Tempos que requiren doses elevadas de esforzo, de innovación e reciclaxe, así como de corresponsabilidade empresarial, gremial e intergremial. A pesar de que me poida custar novos disgustos coma o de onte, por responsabilidade e honestidade, seguireino dicindo coa mesma enerxía e sen perder un ápice do entusiasmo imprescindible para continuar coa que eu chamo «fantasía» de Xerais.

Tras o rebumbio do mediodía, co acougo do serán botei contas do traballo previsto para estes tres vindeiros meses, o da «Reentrada de Outono» e o da «Campaña de Nadal», un dos momentos máis intensos de traballo de cada exercicio, creo que non imos ter mal balance. Xerais publicará máis de 30 novidades impresas, nos eidos da edición literaria, infantil e xuvenil e referencia. Entre eles estará un groso Dicionario xurídico galego, coeditado coa SXPL e Rexurga; unha novidosa Xeografía de Galicia de máis de medio milleiro de paxinas; un volume doutras tantas que reúne todos os contos de Manuel Rivas ou as novidades narrativas de Agustín Fernández Paz, Fran Alonso, Pere Tobaruela,Luís Rei Núñez, María Xosé Queizán e Xavier Queipo co seu agardadísimo Extramunde, Premio Xerais de novela. Ofreceremos senllas crónicas, fotográfica e narrativa con motivo do vinte e cinco aniversario da movida viguesa. No eido infantil publicaremos a nova novela de Cornelia Funke, anticipándonos seis meses a súa aparición en castelán; a segunda entrega da serie de Jacobo Fernández Serrano, un libro de limericks precioso de Antón Cortizas, ademais dos premios Merlín de Anxo Fariña e Caixa Galicia xuvenil de Héctor Carré. Edicións impresas ás que engadimos á da Axenda Xerais, un produto con máis de vinte anos de vida. Editaremos media ducia de novidades nativas en e-book de formato e-pub; inauguraremos a Biblioteca Dixital Xerais, que permitirá, inicialmente, acceder de balde á lectura na nube de oito títulos descatalogados das coleccións Ferros, Biblioteca das Letras Galegas e Materiais; ademais de abrir un versión beta do noso espazo en liña para que  o profesorado de Educación Infantil e o de Lingua de primeiro ciclo de ESO poidan acceder aos nosos primeiros contidos dixitais educativos. Mentres, o Departamento de Promoción colabora coa Comercial Grupo Anaya nas campaña de lanzamento do novo Dicionario Xerais de Primaria, da serie dos Megatoxos e da presenza de autores e autoras nos centros; prepara máis de vinte e cinco actos de presentación de novidades polo país enteiro –Lugo, Santiago, Ponteceso, Vigo, Marín, Muxía ou Lalín, serán as localidadesda primeira quincena de outubro–, así como a nosa presenza nas feiras internacionais de Madrid, Frankfurt e Guadalajara (onde acompañaremos a tres dos nosos autores). Comezaremos decembro no Culturgal de Pontevedra e, dous días despois, viaxaremos a Durango, onde o libro e o disco galegos son estes ano convidados. Nestas poucas lideiras andamos durante estes tempos difíciles de mudanza.

Onte 12: a illa do pensamento

Foi a terceira vez que participo nestes meses de verán nunha das actividades que se realizan na Illa de san Simón. Tras o ditame dos Premios Xerais en xuño e o Galeuscat de editores de xullo, desta volta a cita foi para intervir no interesantísimo foro que sobre o futuro das industrias culturais, no marco da axenda 2020, ten lugar esta semana. O proxecto de transformar ese paquebote da memoria fondeado no fondo da ría en illa do pensamento e espazo de reflexión sobre a cultura e a comunicación está, sen dúbida, consolidándose. A calidade e interese das actividades, o seu enfoque plural e aberto, o seu ritmo de traballo acougado, a austeridade e sobriedade nos descansos e xantares, a comunicación dixital moi coidada ou a acollida agarimeira das persoas que alí traballan son marcas de excelencia deste proxecto de recuperación das illas para usos culturais, educativos e sociocomunitarios. Un éxito rotundo da actual Consellaría de Cultura e Turismo e, moi especialmente, de Xavier Alonso, o director da Fundación Illa de san Simón, e de todo o seu magnífico equipo. Beizóns para todos eles.

Onte 11: gratitude a Galipedia

Preparando os enlaces da páxina sobre a historia dos Premios da Crítica Galicia (1978-2010) comprobei as importantes carencias existentes na rede sobre a produción cultural galega. A pesar de que a literatura é, con diferenza, a modalidade mellor representada, atopei moitas dificultades para enlazar currículums fiables e actualizados, mesmo dos autores máis destacados. Coa excepción da información das novidades dalgunhas poucas editoras, é a Galipedia a fonte informativa máis completa; un feito que merece a nosa gratitude aos redactores desta ferramenta esencial de coñecemento compartido por tan xeneroso esforzo. No entanto, é un reto para o sector editorial en Galicia contar cun catálogo web multilingüe (galego, castelán e inglés) permanentemente actualizado. Os metadatos de DILVE e a experiencia de CEGAL en rede deberían axudar a conseguilo no futuro próximo.

En clave galega

No artigo da semana de Faro de Vigo, ao fío da nova etapa da Fundación dos Premios da Crítica Galicia, reflexiono sobre o que entendo é o traballo asociativo en clave galega.

A Reforma Política, a chamada popularmente “Transición”, foi un tempo decisivo, no que se valoraron argumentos e posibilidades políticas que agora, neste tempo de profunda recentralización conservadora, poden parecer propios de novelas de ciencia ficción. Imaxinemos que tería sido de Galicia e da evolución das súas forzas políticas, se o científico Bibiano Fernández Osorio e Tafall –primeiro alcalde republicano de Pontevedra e presidente da Asemblea de Municipios de Santiago de 1932, aquela parteira do proxecto de Estatuto de Autonomía plebiscitado o 28 de xuño de 1936– chegara a aceptar a proposta de Adolfo Suárez de encabezar a primeira Xunta de Galicia Preautonómica. Un ofrecemento que o pontevedrés, xubilado en 1972 como subsecretario xeral da ONU, rexeitou porque consideraba que lle faltaba “a lexitimidade” de representar directamente a herdanza republicana daquel Consello de Galiza do que Castelao foi o seu primeiro presidente. Perdida a oportunidade de fundar o noso autogoberno da man de Osorio Tafall e, polo tanto, dende a tradición galeguista e republicana aquel proceso foi dirixido por Antonio Rosón e Xosé Quiroga Suárez, políticos vinculados até entón, dunha ou doutra maneira, aos que en cada etapa detentaron o poder en Madrid.

En Galicia, naquel momento alboral da Transición, mesmo antes do inicio do proceso autonómico, que por vez primeira recoñecerá institucionalmente a existencia da lingua e cultura galegas, xermolaron iniciativas asociativas e empresariais coa intención de dotar de protagonismo á sociedade civil na recuperación da identidade galega e no proceso de modernización de Galicia e desenvolvemento do autogoberno. Foi daquela (1978) cando naceu Caixa Galicia, froito da fusión das tres caixas de aforros coruñesas. Foi entón cando apareceron nos kioscos as primeiras publicacións en galego, como a infantil “Vagalume” (1975), a revista “Teima” (1976) ou o semanario “A Nosa Terra” (1977). Foron os anos nos que se organizaron os primeiros cursos de galego do ILG, se publicaron os primeiros libros de texto para o ensino do galego e as primeiras obras colectivas de estudos, que pretendían tomarlle o pulso ao estado a un país sumido no atraso, como “Galicia: realidade económica e conflicto social” (1978), volume coordinado por José A. Durán, encargado polo Banco de Bilbao, entidade que logo non o quixo distribuír, sendo fotocopiado entre os sectores galeguistas. Foi o período no que se forxou a concepción do traballo asociativo en clave galega, que pretende involucrar a todos os sectores da sociedade nosa, dende os empresariais, pasando polos sindicais e universitarios, até os institucionais, no proceso de galeguización e normalización cultural.

Desa concepción galeguista naceron en Vigo, no mes de maio de 1978, os Premios da Crítica Galicia, unha iniciativa do Círculo Ourensán Vigués que pretendía instituír a tradición de facer público o recoñecemento que, dentro do marco xeral da cultura galega, merecesen os labores individuais ou colectivos que cada ano cristalizasen en achegas relevantes para os diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia. Encabezada polo libreiro Bieito Ledo, e concibida e deseñada por un xeneroso grupo de profesionais vigueses (Víctor Freixanes, Malós Cabrera, Manolo Janeiro, Paco Mantecón, Emilio de Gregorio, Vítor Vaqueiro, Uxío Labarta, Miguel Murado, Blanca Lorenzo, Francisco Carballo Carballo, María Xosé Porteiro, Xosé Antonio Perozo, entre outros), aquela iniciativa transformouse nunha institución cultural de referencia, sen a que hoxe, e no futuro, será imposible comprender o que sucedeu en Galicia durante as tres últimas décadas nos eidos da creación literaria en galego, na investigación no eido das Humanidades, na música, nas artes plásticas, nas artes escénicas ou nas súas iniciativas culturais máis destacadas.

A continuidade dos Premios da Crítica Galicia, que este ano serán ditaminados en Vigo o vindeiro 22 de outubro, debemos de entendela como un éxito colectivo dos creadores e artistas galegos, mais tamén como un exercicio xeneroso de responsabilidade dos seus fundadores e organizadores. Xerados dende a iniciativa da sociedade civil, anticipándose ao inicio da Autonomía, é unha feliz noticia que non se rompese a tradición destes premios que de forma ininterrumpida dialogaron e tomaron o pulso do latexo da nosa creación cultural. Galicia precisa de máis institucións e plataformas cívicas deste tipo –plurais, independentes e interxeracionais– que traballando en man común e en clave de país contribúan coa súa continuidade a acrisolar a tradición galega. Só así poderemos recuperar as oportunidades perdidas no decurso da nosa historia milenaria.

Onte 10: horas de lectura

Mergullado na preparación da identidade dixital da Fundación dos Premios da Crítica Galicia –no día quedou aberto blog e perfil de twitter– e na intervención que sobre o futuro do libro debo realizar o luns á tarde na illa de San Simón, só dispuxen dun par de horas para avanzar na lectura do orixinal dunha novela de fronteira, que me está engaiolando polo seu enfoque tan novidoso e arriscado. Unha historia bastante futurista dunha caída aos infernos e dun renacemento, unha narración inzada de cores e arrecendos a pigmentos, óleos e vernices. Inevitablemente, a medida que avanzo na novela, venme á cabeza a experiencia semellante da lectura inicial d’ A sombra cazadora de Suso de Toro ou de Eu son lenda, a obra de Matheson, que tantas veces me ten recomendado publicar Agustín. Estas horas de lectura –sobre todo cando comezas a convencerte, como a min me está a suceder esta fin de semana, de que estás descubrindo un texto moi interesante e perdurable– son os momentos de maior plenitude do oficio do editor. Son as nosas horas máis felices.

Onte 9: inicio de curso

Iniciouse o curso nos institutos. A cidade recuperou o seu latexto normal,  aumentou o tráfico de forma considerable (iso dime un taxista) e as familias regresaron as súas rotinas. O inicio do curso sinala, tamén, no meu calendario do editor o remate da  campaña de libro de texto e a  «reentrada literaria de outono», quizais a máis agardada, a da expectativa da novela do Premio Xerais, a das sorpresas agochada nalgún libro bonito ou o remate, por fin!, dalgún proxecto que se leva cocendo a lume manso na editorial durante moito tempo. Na reentrada enxergamos as nosas esperanzas de outono, a pesar da axenda imposible de tres meses tolos que nos agardan de viaxes, presentacións, feiras, cursos e conferencias. Hoxe prefiro quedar co entusiasmo do rebumbio ilusionado da rapazada que sae a empurróns do instituto.

Onte 8: Amazon

Amazon abriu o seu espazo para venda por catálogo virtual de libros españois e gaches diversos. Outro éxito publicitario rotundo da multinacional estadounidense que non precisou doutra estratexia que deixar viralizar a súa páxina pola rede nosa que a recibiu cos brazos abertos e moi escaso espírito crítico. Unha actitude moi diferente ao muro de silencio existente sobre outras iniciativas de distribución de libros impresos, como a de Todos tus libros.com, a marca comercial do proxecto Cegal en rede, promovida por máis de duascentas librarías culturais españolas e que ofrece un catálogo dispoñible incomparablemente moito máis amplo co do xigante americano. Cos datos na man, Amazon.es hoxe non será capaz de mellorar nin o prezo que os lectores pagan polos libros (o que ofrece é a rebaixa do 5%, que a Lei do Libro establece para os pagamentos ao contado), nin ampliar a oferta editorial de títulos impresos dispoñibles nin sequera poderá mellorar o servizo de entrega que achega a plataforma virtual dos libreiros españois. O catálogo presentado onte por Amazon.es é apenas unha comunicación dos metadatos –incluídas as imaxes dos libros– extraídos de balde de DILVE, o magnífico sistema de información editorial creado pola Federación de Gremios de Editores de España–, xa que a maioría dos fondos, como sucede co dos editores galegos, non está dispoñible nos seus almacéns franceses, debido a que a empresa norteamericana só foi capaz de asinar os contratos de distribución cun número moi reducido de editores e de distribuidores. Amazon non terá outro remedio que asumir algunhas das dificultades ou incomodidades que para o seu exitoso modelo de negocio supón operar en España, Francia, Alemaña ou Italia, estados onde o prezo do libro está fixado polo editor. No entanto, sei do enorme poder da corporación de Befos que, como Apple ou Google, pretenden monopolizar, tamén nos mercados europeos, a creación e a distribución da cultura dixital. Aí está a tremenda importancia da súa chegada, deste primeiro pé no noso mercado. O de Amazon é outro fito, a epifanía deste proceso irreversible, mais paradoxicamente empobrecedor, da perda de biodiversidade do sector da lectura en Europa. Eu, mentres as librarías culturais existan, continuarei apostando polos militantes fantasía de Todos tus libros, un espazo que aconsello visitar aos propagandistas da empresa estadounidense.

Carta de María Xosé Queizán ao Consello Municipal da Muller de Vigo

A escritora María Xosé Queizán enviounos copia da carta que onte dirixiu ao Consello Escolar da Muller de Vigo con motivo da primeira reunión deste mandato. Creo que merece ser difundia pola rede.

Queridas amigas e compañeiras feministas:

Recibín unha alegría cando souben que no Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo, me propuxerades para formar parte da Real Academia Galega. Dixen xa daquela que o voso recoñecemento era máis importante para min que o ingreso nesa alta Institución. Ademais, afanástevos para conseguir moitos apoios, comezando polo Concello da miña cidade, que tanto me gorentou, e outros Concellos, Asociacións e persoas galegas a quen lles debo recoñecemento. Estou en débeda con tod@s, e non podía defraudarvos. Pero, pasado un tempo, supoño que sodes conscientes do que eu xa o era: que non se ía producir tal ingreso. Porén pídovos a liberdade para expresarme e declarar os meus desexos.

Nunca quixen nin quero entrar na Academia. Cónstame que ante esta declaración haberá quen lembre a Fábula de Esopo: a raposa e as uvas.. Non é o meu caso. Pero tampouco me importa que non o crean. Levo toda a vida soportando atribucións arteiras e menoscabos sen que iso afectase á miña saúde, o meu optimismo e o meu goce intelectual.

Non me vexo na Academia e tampouco teño tempo para esa ocupación. Son abondas xa as miñas ansias e preocupacións, entre as que están as literarias, as culturais e o activismo feminista.

Sei que as amigas e compañeiras feministas confiaban no labor que podía levar a cabo nesa Real Institución a favor das mulleres galegas, no eido lingüístico e cultural. Mais, o certo é que nese lugar só se pode entrar para traballar polo intereses dos académicos. Nesa Casa, ( onde por certo habitou a gran sabia e feminista Emilia Pardo Bazán, que, mesmo querendo, non conseguiu entrar na Academia. Tampouco entrou Rosalía de Castro) predomina o imaxinario masculino. A teoría feminista, que comeza cun precursor no s.XVII, Pullain de la Barre, segue no s.XVIII con Olimpe de Gouche e Mary Wollstonecraft. coa Vindicación dos dereitos da Muller, Condorcet, Benito Feixó, Martín Sarmiento, J.Stuart Mill, F. Engels, Augusto Bebel, Pierre Bordeaux ou o actual Carl Djerassi, por citar homes, e tantas filósofas, comezando por Simone de Beauvoir, Kate Millet, Clara Campoamor, M. Le Doeuff. até as milleiras que na actualidade como Celia Amorós ou Amelia Valcárcel, forman un rico corpus, é ignorada nese contexto. Os libros onde se amosa esa herdanza intelectual, non deben figurar nas bibliotecas nin nas mentes dos ilustres académicos.

Afirmo que non hai acritude nas palabras anteriores. Só constatacións. Mesmo se negan a Lei de Igualdade e a propia democracia, teño un vínculo coa Academia co que sempre me identificarei: a lingua galega. Ademais sei que os argumentos expostos non son ofensivos para os distinguidos académicos. Consideran que o saber é cousa de homes, no sentido máis específico do termo, e fixeron coas mulleres unha privación inicua…ignoro por que dereito natural fundamental, de non ser o outro que a forza, segundo o Rousseau xuvenil.

Pretendín demostrarlle á cidadanía que me propuxo que a Academia será o último que cambie na sociedade. Aínda que vaian introducindo algunha muller a conta gotas coma quen regala unha flor.

Hoxe, día 14 de Setembro de 2011, no 1º Consello Municipal da Muller do novo mandatoda, pídovos a liberdade para declarar que non quero nin quererei entrar na Real Academia Galega, así como amosar a miña desculpa ante todas as institucións e persoas que me apoiaron.

Reitero as grazas e ofrezo a miña solidariedade e o afecto de sempre.

María Xosé Queizán