Está vendo o arquivo da categoría » Abril 2011

Onte anunciamos no blog de Xerais a publicación de Non hai noite tan longa, a nova novela de Agustín Fernández Paz, ao tempo que recomendabamos baixar en pdf o seu primeiro capítulo. Non debe extrañar a ninguén que esta obra sexa publicada na colección Xerais Narrativa, unha iniciativa que como editor lle propuxen a Agustín, tras a lectura da primeira versión da novela. O propio Agustín nunha recente entrevista que Iago Martínez publicou en Xornal de Galicia fala que esa posibilidade xa a valoramos en 2002 cando publicou Aire negro ou mesmo antes, hai case quince anos, cando apareceu O centro do labirinto. Non hai dúbida ningunha que, por riba de etiquetas editoriais ou prexuizosas adscricións de xénero, Agustín é un dos primeiros narradores galegos do noso tempo, tanto pola solidez técnica de cada unha das súas novelas, posuidoras desa complexísima sinxeleza que as fai de lectura engaiolante, como pola profundidade e relevancia dos temas abordados. Nesta nova entrega está o mellor e máis xenuino Agustín, na súa madurez literaria e humana, ofrecendo un relato no que atopamos os ecos dos temas esenciais da literatura e das figuras dos personaxes clásicos, inseridos nunha narración de escrita transparente que flúe coma a auga. A culpa, a vinganza, a ansia, o amor, a morte, a esperanza son algúns dos temas principais desta novela que constitúe unha ácida ollada crítica (as veces mesmo feroz) sobre a nosa sociedade en dous momentos da historia próxima: os últimos anos da ditadura e os primeiros do século XXI. A elección por parte do autor da famosa fotografía de Rosa Parks para a cuberta da novela non foi casual, xa que esta imaxe de resistencia pacífica até o lirismo, ao mesmo tempo que de dignidade individual e firmeza fronte a discriminación da costureira de Alabama, esta imaxe dunha muller «farta de ceder e ceder» convértese en metáfora visual acaída da confianza no futuro e na recuperación da dignidade das persoas que impregna estas case trescentas páxinas. Outrosí sucede co título, recollido dunha das frases acuñadas por Shakespeare nunha das pasaxes máis citadas de Macbeth: «Reunide todo o ánimo que poidades. Que non hai noite tan longa que non remate en día».

Non hai noite tan longa chegará ás librarías galegas coincidindo coa furia do Vento Lois. Temos previsto que na Feira do Libro de Vigo, na primeira decena do mes de xullo, Agustín manteña unha conversa en público con xornalistas e escritores, ao tempo que asine exemplares aos seus moitos lectores e lectoras.

Contaxiar optimismo para a lingua

bretemas —  29 de Abril de 2011





A serie de catro vídeos preparados por Manuel Núñez Singala e Manuel Bermúdez, membros do Servizo de Normalización Lingüística da USC,  constitúe un recurso moi valioso para contaxiar o optimismo que precisa a nosa lingua. Máis alá da súa indubidable utilidade didáctica, estas pezas son unha ferramenta cívica para desmontar prexuízos e falacias que tanto están lixando o futuro do galego. Pregamos axudades a difundilas por toda a rede. Fan moito ben.
Os nosos maiores parabéns e agradecemento para ambos os dous autores. Beizóns.

Galiza co galego. Acto en Vigo

bretemas —  28 de Abril de 2011

A Comisión Promotora Galiza co Galego, en colaboración coa plataforma Prolingua, organiza un acto público a prol da educación en galego que terá lugar o venres 29 de abril, en horario de 20:00 a 21:30 horas, na Casa Galega da Cultura situada na Praza da Princesa de Vigo. No acto, que será presentado por Iolanda Veloso, concelleira de Normalización Lingüística, Quique Costas presentará o relatorio «Linguas minorizadas europeas en proceso de normalización» e os membros da Comisión Galiza co Galego presentarán un informe sobre o traballo desenvolvido cara a facer efectivo o noso dereito á educación en galego. Pola nosa parte presentaremos un ponencia sobre «As razóns para educar en galego».

A rede popular de ensino en galego conta neste momento con máis de 2.900 apoios ao seu manifesto.

A historia de sempre

bretemas —  27 de Abril de 2011

La historia de siempre (2009) from Roger Batalla on Vimeo.

Recomendo esta curtametraxe de J.L. Montesinos, o xove director catalán. A interpretación de Miguel Ángel Jenner é magnífica e a peza recibiu varios premios desque foi estreada en 2009. Pagan a pena eses case doce minutos. A marabilla da narración, a crueza da vida.

Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas convocan Vento Lois, un recital expansivo que se celebrará en todo o mundo 0 vindeiro 12 de maio ás 8 da tarde. Eis a súa carta, que pregamos difundir:

Despois do Vento Lois que soprou na Coruña o pasado 20 de marzo, queremos que o aire da súa furia e do seu paixón acade todos os recantos do universo.

Para elo, a seita loisista, co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube de Galicia e a Asociación Galega de Editores, chama a organizar un novo vendaval, que percorra todo o mundo, o día 12 de maio ás 8 da tarde: lectura de textos de Lois, sobre Lois, música, performances, teatro…

Solicitamos a túa colaboración por se podes argallar ou contribuír a argallar calquera acto, institucional ou persoal, en calquera lugar –bar, praza, monte, praia, recinto cultural- para ese día e esa hora. Se é así, faino ou, como remataba Lois a súa Modesta proposición, «quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo… (Por exemplo)».

De momento, están xa confirmados un concerto no cárcere da Coruña, (a partires das 21,00 horas), un recital aberto no Centro de Interpretación de Viño de Monforte e outro en Toulouse (en lugar por confirmar)

Na web de Lois http://loispereiro.blogaliza.org habilitarase un espazo no que apuntar as iniciativas en cada localidade, e así xuntar xente, propostas e esforzos. O resultado –fotografías, vídeos, comentarios- será recollido primeiro na propia web, e logo xa se verá.

A proposta de escaleta do acto pode consultarse aquí: