Feijóo non arrinca nas cidades

Segundo o Barómetro que publica hoxe La Voz de Galicia a fórmula de Goberno Bipartito ou Tripartito de partidos de esquerda e nacionalistas gobernaría nas oito cidades galegas. A un ano das municipais, a política de deconstrución de Feijóo semella que non dá os resultados agardados e o PPdeG fracasaría na súa estratexia de que Telmo Martín (Pontevedra), Carlos Negreira (A Coruña) e Corina Porro (Vigo) acadasen as alcaldías. Os datos amosan, ademais un lixeiro incremento dos apoios para o PSdeG-PSOE, especialmente significativo na cidade de Vigo e un decremento dos que recibe o BNG (coa excepción de Vilagarcía e Ferrol, nas que sobe, e Pontevedra e A Coruña, onde se mantén). No entanto, é innegable a fortaleza do PPdeG que apunta un teito que o achega a só un concelleiro da maioría absoluta en Vigo, Santiago e Ourense, as tres cidades onde, nestes momentos, non sería sorpresa ningunha que obtivese en 2011 as alcaldías.

O datos do barómetro da Voz, como estoutra táboa de Fermín Bouza sobre os temas a axenda pública galega, coinciden que os temas que máis preocupan aos galegos son o paro e a situación económica (idénticos ao do resto dos cidadáns do Estado), cuestións moi afastadas da sistemática tarefa deconstrutiva acometida polo equipo de Feijóo sobre temas como idioma, a cultura, os servizos sociais ou a política de (des)protección do litoral. Feijóo, coa excepción da aposta pola fusión das caixas (que, ademais, lle provoca importantes problemas en Vigo), non lle meteu o dente a cuestións claves como a política de emprego e formación, confiando que fose a estratexia de Génova de desgaste a Zapatero a que proporcionase os votos urbanos que precisa o seu partido.

Os datos amosan que os alcaldes socialistas, que teñen elevadas posibilidades de recuncar en todos os casos, tampouco poden confiarse moito, xa que o seu inimigo maior non está no PPdeG, senón no desplome que puidese sufrir Zapatero e o seu Goberno incapaces de facerlle fronte a eses dous temas principais do paro e a crise económica.

Con respecto ao BNG, semella que nas cidades (habería que coñecer datos das vilas, que podería ser outro cantar) as súas perspectivas son dun doce estancamento: non consegue medrar, mais podería manter aos seus cadros nos gobernos locais, o que, unha vez máis, adiaría a resolución definitiva da súa crise.

ProLingua, o día despois

O serán de onte foi un dos máis felices dos últimos tempos. As presentacións expansivas do libro de ProLingua foron un éxito rotundo. Os datos falan por si sós: máis de 5.000 persoas mobilizadas en 69 localidades de aquí e acolá para participar na presentación do argumentario argallado contras as falacias dos negacionistas, eses poucos concidadáns nosos que non queren de maneira ningunha contacto coa lingua de todos.

Na presentación de Vigo (como con certeza sucedeu en calquera das outras localidades) comprobamos que existe unha vontade cívica, apartidaria, plural, pacífica ata o lirismo de participar nesta revolución tranquila e radicalmente teimosa de devolver a dignidade que se lle pretende roubar ao idioma de noso. Non temos dúbidas de que hai moita xente, cada vez máis xente (de querenzas nacionalista e non nacionalista)  disposta a traballar moi activamente para evitar que as políticas de fomento do galego e os dereitos lingüísticos da cidadanía galega retrocedan. A mellor lección que debemos tirar destas exitosas presentacións expansivas é o carácter cívico e plural de todos e cada un dos actos, onde o único protagonismo recaeu nos argumentos, nas razóns empregadas para desmontar as falacias e prexuízos utilizados polos que pretenden facer retroceder ao galego.

ProLingua, ademais de contribuír a renovar o discurso sobre o idioma, en apenas cinco meses de funcionamento acuñou un novo estilo nas tarefas de defensa e promoción do galego baseado en dous principios: primeiro, traballo voluntario (moito traballo e dedicación) en man común de persoas de diversa ideoloxía e profesión; segundo, as actividades fináncianse en base ás achegas dos seus membros , o que supón manter unha independencia total das administracións públicas, xa que a plataforma non recibe nin solicita axudas de ningunha delas.

Despois de coller un acougo e continuar coa promoción do libro, ProLingua prepara xa unha segunda acción destinada a promoción do emprego da lingua nos establecementos comerciais e outras posteriores de maior alcance. Aí estaremos.

A foto corresponde á presentación de Barcelona.

63 presentacións do libro de ProLingua, venres 5, 20:30 horas

Velaquí a listaxe das 63 localidades nas que se fará a presentación do libro 55 mentiras sobre a lingua galega mañá venres 5 de febreiro ás 20:30 horas. Agradécese calquera colaboración para difundir esta información e apoiar a nosa iniciativa (especialmente adquirindo un exemplar). E, por suposto, estades todos e todas convidados a participardes nesta iniciativa en man común en defensa da dignidade da lingua galega. A presentación de Vigo será retransmitida en directo por Blogaliza (O streaming poderá seguirse desde o blogue de Prolingua e desde a portada de Blogaliza).

  • A Coruña, Sala de Prensa Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, entrada por Rúa da Estrela): Mercedes Queixas, Pancho Pillado, Martin Pawley e Alfredo Ferreiro
  • A Estrada, Agrupación Cultural KenKeirades: David Otero e Antía Otero
  • Allariz, Fundación Vicente Risco: Teresa Devesa e Antonio Blanco
  • Baio (Zas), Auditorio de Baio: Teresa Castro, Antonio Díaz Amor, Ricardo Vigueret
  • Baiona, Biblioteca Municipal: Concha Costas e Anxo Ratel
  • Barcelona, Centro Galego (Rambla Caputxins 35-37): Pere Comelles, Sabela Labraña, Xiana Díaz e Paulo Filgueiras.
  • Bethelem (Palestina), Libraría Kalila w-Dimma: Moncho Iglesias Miguez e Samar Sabat
  • Bos Aires (Arxentina), Biblioteca Galega de Bos Aires: Débora Campos e María Rosa Lojo
  • Bruxelas (Bélxica), Livraria Orfeu: Ana Fontal, Xavier Queipo e Manuel González
  • Bueu, Museo Massó: Eva Rivas, Xabier Castro, Carme Novas Ferradás, Lucía Novas
  • Cacheiras-Teo, Mediateca do Grilo: Carme Hermida, Xosé Mª Lema Suárez e Rosa Moreiras Cuñarro
  • Caldas de Reis, Biblioteca Municipal: Ana Rial, Cesar Longa e Xosé Candal
  • Cambados, libraría Ramón Cabanillas (Rúa do Hospital, 40, baixo): Paco Fdez. Rei, Emilio Insua e Pilar Ponte
  • Cangas, Auditorio Municipal: Héitor Mera, Rita Paredes, Ana Ameal e Xosé Manuel González
  • Carballo, Pazo da Cultura: Xan Fernández Carrera, Silvana Castro e Farruco Fraga
  • Carnota, Confraría de Pescadores de Lira: Chisco Naval, Mercedes Díaz Maián e Belén Campos
  • Celanova, Aula de Cultura Caixa Galicia: Xoán Carlos Domínguez Alberte e Leopoldo Rodríguez Puga
  • Cerceda, Biblioteca Pública de Cerceda: Xosé Bocixa e Manuel Lourenzo
  • Chantada, Casa da Cultura: Manolo Figueiras e Xosé Miranda
  • Copenhague (Dinamarca), Libraría-Café Rayuela: Alejandro Tobar e Iago Cordal
  • Corcaigh/Cork (Irlanda), Book Library da University College Cork, ás 17.15 h: Carlos Seco, Ciaran Dawson e Xoán Sartal.
  • Cotobade, Multiusos de Carballedo: Hadrián Faílde Perdiz, Antón Vidal Andión e Malores Villanueva
  • Cuntis, Casa da Cultura: Héitor Picallo Fuentes, Olimpo Arca, Maka Arca Camba, Silvia Fernández Piñeiro e Santiago Martínez López
  • Fene, Casa da Cultura: César Yáñez, Moncho Gándara, Quique Sanfiz
  • Ferrol, Ateneo Ferrolán: Xosé Manuel Pérez Sardiña, Xosé Lastra e Xosé Manuel López Leira
  • Gondomar, Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira nº 10): Xilberte Manso, Gonzalo Navaza. Atención! En Gondomar a presentación será ás 20:00
  • Guitiriz, Casa das Palabras: Alfonso Blanco
  • Lalín, Museo Ramón María Aller: Rafa Cuíña, Alberto Granxa e Luz Méndez
  • Lisboa (Portugal), Casa do Brasil, 21.30 h: Antonio Mira e André Filipe Simões
  • Londres (Gran Bretaña), Instituto Cañada Blanch, 317 Portobello Road, 19.00 h: Inma Gil Rosendo e Eva Moreda
  • Lubián (Zamora), Salón de plenos do Concello de Lubián (Souto da Feira, 7): Felipe Lubián e Carme Pousa
  • Lugo, Librería Trama: Paco Martín e Antonio Reigosa
  • Madison (Wisconsin, EEUU), University of Wisconsin, Edif. Ingraham, Aula 133: David MacKenzie
  • Madrid, Ateneo de Madrid: Alejandro Hermida, Asunción Canal Covelo e Laura Montes Iglesias
  • Marín, Biblioteca Municipal: Ana Acuña, Carlos Solla e Lucía Outeiro
  • Melide, Centor Social Xosé Vázquez Pintor: Vanessa Martínez Iglesias, Xosé Vázquez Pintor, Xosé Luís Santiso e Valentina Formoso
  • Moaña, Centro Cultural Daniel Castelao: Asunción Soñora Abuín, Daniel Costas Currás, Benxamín Riobó Sanluís e Xabier Cordal
  • Monforte, Galería Sargadelos: Xosé Manuel Eyré e Suso Verao
  • Nablús (Palestina), Libraría Kubut: Fahed Salahat e Mohamed Salahat
  • Nigrán, Casa do Concello: Anxo Valverde, Xan Lois Cabreira e Emma Lázare
  • Noia, Casa da Cultura Avilés de Taramancos: Lola Arxóns, Agustín Agra e Carlos Maquieira
  • Nova York (EEUU), New York City University: Alexandre Alonso Nogueira e Humberto Ramilo Costas
  • O Barco, Biblioteca Municipal: Manuel Agra, Luísa G. Macía e Xaquín Freixeiro
  • O Grove, Casa da Cultura “Lueiro Rei”: Xesús Mª González Domínguez, Luís Rei, Rosario Pérez Magdalena e Patricia Arias Chachero
  • Ourense, Ateneo de Ourense: Serafín Alonso, Xosé Antón Laxe Martiñán e Xián Bobillo
  • Padrón, Casa do Patín: Anxo Angueira, Rita Bugallo e Xosé García Lapido
  • París (Francia), Instituto Cervantes (sala 1.3): Martinha Varela e Antón Figueroa
  • Pobra de Trives, Casa da Cultura: Mónica Baleirón e Mª Luísa Travieso
  • Ponferrada, Sala da Obra Social de Caja España en Ponferrada: Paco Velasco, Nuria Varela e Rafael Adán
  • Ponteareas, Biblioteca Municipal: Alberte Reboreda, Anxo Saborido e Xosé Manuel Moo
  • Pontedeume, Centro Municipal de Maiores: Xosé Francisco Correa Arias, Xoán Lorenzo Crespo.
  • Pontevedra, Galería Sargadelos: Ana Outón, Ana Iglesias e Elvira Ribeiro
  • Ribadavia, Casa da Cultura: representantes da Plataforma Ribeiro pola Lingua
  • Ribadeo, Casa das Letras: Xavier Campos e Rocío Dourado
  • Ribeira, Ateneo Valle Inclán: Encarna Pego, Miguel Louzao, Pura Prado e Alexandre Cortés Ayaso
  • Salceda de Caselas, salón de actos do CEP Altamira: Suso Sánchez e Flori Veloso
  • San Martiño de Trebello (Val do Ellas, Extremadura), Casa do Concello: Domingos Frades Gaspar, Severino López Fernández e Máximo Gaspar
  • Santiago, Librería Couceiro: Xosé Luís Regueira, Antón Dobao e Mª do Carme Ríos Panisse
  • Saraievo (Bosnia), Kulturni Center Fuad Jahic: Jairo Dorado
  • Trintxerpe (Guipúzcoa), Tenencia de Alcaldía de Trintxerpe, concello de Pasaia: Xosé Estévez, Manolo Irixoa, Filipe Domínguez e Koldo Izagirre
  • Tübingen (Alemaña), Libraría Rosa Lux (Lange Gasse 27), 20.00: Aitor Rivas, Johannes Kabatek e Mariana Petitti
  • Tui, Área Panorámica (antigo S. Paio): Helena Pousa e Alberto Valverde
  • Verín, Casa da Cultura: Xesús Lantes, Bieito Barreira e Zeltia Barreira
  • Viana do Bolo, IES Viana do Bolo: Carlos Ferreiro González e Patricia Fernández López
  • Vigo, Casa Galega da Cultura (Fundación Penzol): Xosé Henrique Costas, Manuel Bragado, Agustín Fernández Paz
  • Vilafranca do Bierzo, Casa da Cultura de Vilafranca: Marisa Cela e Antonio Nestral
  • Vilagarcía, Auditorio municipal: Xan Guillén, Héitor Silveiro e Cruz López Martínez
  • Vilalba, Salón de Actos da Casa da Cultura: Primitivo Iglesias, Luis Villares, Moncho Paz, Ricardo Polín e Antía Veres Gesto
  • Vitoria/Gasteiz, Salón de actos do Centro Galego de Vitoria: Xavier Iglesias, Itziar Ayestaran, Idoia Ezeiza e Débora Álvarez Moldes

Sobre os dereitos humanos

O meu amigo Celso López Pazos, presidente da Asemblea Republicana de Vigo, publica hoxe en Faro de Vigo un interesantísimo artigo sobre os dereitos humanos no Estado Vaticano. Recomendo a súa lectura vivamente.

«As aulas e o despacho»

as aulas e o despacho from SonCine on Vimeo.

O pasado sábado, Anxo Lorenzo remata a súa ponencia na xornada de formación cos membros dos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros premiados na convocatoria de proxectos de innovación en normalización lingüística 2009-2010. No vídeo pode verse un extracto do debate posterior. As imaxes son impresionantes pola afouteza e claridade das intervencións do profesorado e, ao mesmo tempo, desoladoras polos rostros de enorme tristeza dos participantes abatidos polo dano profundo que se lles está infrixindo. Síntome moi orgulloso de que contemos con profesionais coma eles comprometidos coa escola galega. Aconsello difundir este vídeo por todos os medios ao noso alcance. Dificilmente imos atopar unha peza que mellor defina o que está sucedendo nestes momentos nas aulas e nos despachos.

O CCG analiza e propón

Pareceume moi atinado o ditame do Consello da Cultura Galega sobre as «Bases para a elaboración do Decreto de Plurilingüismo». O seu carácter analítico e propositivo, ao mesmo tempo, a súa insistencia sobre os aspectos sociolíngüisticos e educativos (deixando os xurídicos ao criterio do Consello Consultivo), compleméntanse como anel co texto elaborado pola Real Academia Galega. Ambas as dúas pezas, xunto coas achegas doutras instancias asociativas e profesionais, constitúen unha emenda á totalidade dun documento que os seus promotores deberían ter xa retirado hai tempo.

O ditame do CCG, que merece ser debullado devagariño, máis alá do severo correctivo que realiza do texto, fai unha serie de consideracións que enriquecen ese proceso de elaboración colectiva sobre o futuro do idioma no que estamos inmersos:

– Un decreto non parece o marco normativo adecuado para regular o fomento da lingua galega no sistema educativo. O CCG propón , como xa fixera o pasado mes de novembro, que sexa o Parlamento quen trate este asunto.

–A responsabilidade da escola sobre esta cuestión é dobre: debe garantir tanto o dominio instrumental das linguas oficiais como formar individuos que asenten o seu comportamento lingüístico sobre valores cívicos e de respecto á diversidade lingüística.

– O obxectivo de competencia bilingüe nas dúas linguas non se pode asentar sobre a filosofía do equilibrio lingüístico na escola, senón que require un papel de reforzo para o galego.

–Non é razoable nin realista ningunha meta educativa plurilingüe, aplicable ao conxunto da poboación escolar, que non acepte niveis de competencia diferentes para as linguas e ambientais e para as demais.

–Trasladar a responsabilidade da definición do proxecto lingüístico comunitario ás familias e os centros non se xustifica como unha aposta democrática pola participación, senón que representa unha inhibición por parte dos poderes públicos que pode xerar tensións innncesarias nas comunidades educativas e nos centros escolares.

Mágoa o escaso respecto co que a Consellaría de Educación e Universidades recibiu o dictame do Consello da Cultura Galega,  algo insólito no marco da relacións institucional cunha das nosas entidades estatutarias.