Está vendo o arquivo da categoría » 2010

Bo ano Lois Pereiro!

bretemas —  31 de Decembro de 2010

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/0FnflOFfusM" width="750" height="448" wmode="transparent" /]

Bo ano Lois Pereiro!

Procuremos a enerxía necesaria!

Saúde, traballo e lectura galega para todos e todas.

Con todos os abrazos e beizóns.

[Únome á iniciativa de Marcos Calveiro, recuperando o tema «Narcisismo» de Radio Océano sobre un texto do poeta Lois Pereiro. Os meus queridos Oasis saberanmo perdoar.]

Magoadamente cumpríronse os peores agoiros e o chamado «Ano do Libro e da Lectura», declarado pola Xunta de Galicia, non o foi, nin sequera foi unha sombra daquel ano bonsai que previamos hai un ano. Magoadamente e moi ao noso pesar, nin houbo un programa específico de fomento da lectura, nin houbo un desenvolvemento do previsto na Lei do Libro e da Lectura, nin se produciu o pulo que requería o sistema bibliotecario público galego e nin sequera foi a prioridade do equipo da Consellaría de Cultura, moito máis ocupado e preocupado no Xacobeo e na Cidade da Cultura. O propio conselleiro de Cultura e Turismo recoñecía implicitamente este fracaso nunha recente entrevista na que dicía que «o Ano da Lectura quedara eclipsado polo Xacobeo». En definitiva, o 2010 foi outro ano rotineiro para o fomento da lectura en Galicia e en galego, coa excepción das iniciativas privadas e do traballo do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares; iso si, ornamentado con algunhas actividades como o LITVI e a Auria, que a pesar dos elevados orzamentos cos que contaron e cunha organización totalmente privatizada non obtiveron a repercusión agardada. A creación da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivo e a inauguración da Biblioteca de Galicia (prevista xa para o 11 de xaneiro) deberían supoñer un punto de inflexión nesta inquedante anemia, aínda que cos fracos orzamentos aprobados as posibilidades de remontar van ser escasas.

A pesar do fraquísimo «Ano do Libro da Lectura» promovido pola Consellaría de Cultura, as experiencias de fomento da lectura en Galicia colleron en 2010 un importante pulo en Galicia. Entre todas elas destaca pola súa dimensión e enorme transcedencia o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), promovido dende o curso 2005/2006 pola Consellería de Educación e concibido xa no curso anterior, o que para nós constitúe unha das noticias máis destacadas do ano.

Actualmente participan no plan 374 centros, entre os cales está o 51% do IES públicos. Paralelamente a esta Plan, a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia promove a campaña Hora de Ler de fomento da lectura, da que forman parte acccións tan interesantes como as Mochilas Viaxeiras, Ler e Escoitar (concurso de lectura en alta voz), os Apadriñamentos lectores, a hora de ler (o tempo específico dedicado á lectura nos centros), a edición de guías e materiais, a celebración de módulos formativos con especial atención á alfabetización informacional e a mudanza de paradigma no eido da lectura ou a celebración do Encontro de Bibliotecas Escolares, nos que puidemos comprobar este ano que participan 1.200 persoas que rebentan a sala grande do Pazo de Congresos de Santiago. Dentro deste plan ten espcial significatividade o funcionamento de 177 clubs de lectura, nos que participan máis de 5.000 lectores adolescentes. O traballo desta rede de Clubs de Lectura recóllese nos blogs Ler en mancomún, Libros a eito e Rede Lectura e compártese cada ano nas xornadas dos Clubs de Lectura.

Un traballo intensísimo promovido dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares por só dúas persoas, Cristina Novoa e Pilar Sampedro, que merecen toda a nosa admiración e aplauso por conseguir semellante proeza. Un plan modélico que merece e debe ser potenciado en recursos humanos e materiais como unha das actuacións máis estratéxicas no noso sistema educativo. Constitúe, ademais, un modelo e unha referencia para o resto das Comunidades Autónomas, o que nos enche de fachenda.

Mención á parte e xa noutros ámbitos merecen dúas experiencias de fomento da lectura por min moi queridas: Espazo Lectura e Trafegando ronseis.

A primeira como modelo pioneiro do traballo do que eu entendo será un dos axentes de fomento da lectura no futuro: o voluntariado pola lectura. Espazo Lectura co seu traballo case diario no concello de Gondomar, concibindo a lectura de xeito transversal e interxeracional, transforma radicalmente a concepción das políticas culturais nunha comunidade local. Unha experiencia interesantísima que xa constitúe un modelo fóra do noso país.

Outrosí sucede con Trafegando ronseis, o blogue de Anxo e Gracia, que dende 2007 realiza un seguimento polo miúdo da produción editorial infantil e xuvenil, e dalgunhas outras novidades literarias, destacando, tamén, polo seu rescate na rede de materiais audiovisuais para ser utilizados como recurso didáctico nas aulas. A súa atención a compilar materiais contra a violencia machista merece ser destacada.

A todos os tres, ás responsables da Asesoría e os participantes no PLAMBE, aos voluntarios e voluntarias de Espazo Lectura e Trafegando ronseis as nosas beizóns e maiores azos polo seu xeneroso traballo.

Sei que para moitos  non son a persoa máis axeitada para considerar a Agustín Fernández Paz como a figura literaria do ano. Ademais de ser o seu editor, úneme con el unha fonda amizade e un seguimento da súa traxectoria autoral e profesional dende hai case trinta anos, razóns polas que dificilmente podo ofrecer obxectividade. No entanto, sei que somos moitas as persoas e medios que recoñecemos na actitude do autor d’ O único que queda é o amor, non puidendo aceptar o Premio da Cultura Galega no eido das letras, unha lección de dignidade e de defensa do idioma e cultura galegas que merecen a admiración e respecto por parte de todos. As razóns da súa decisión e a elegancia para expresalas son abondo coñecidas; porén o que continúa deixándonos perplexos, cando non abertamente abraiados, é comprobar a incapacidade dos membros do Goberno Galego para entender a importancia da fractura que na sociedade galega abriu a súa política lingüística, capaz de facer retroceder, por vez primeira, o emprego vehicular da lingua galega no sistema educativo non universitario. Sei que aí reside a cerna da afouta actitude cívica de Agustín Fernández Paz. As miñas beizóns pola súa lección de coherencia.

Coñecín a Oliver Laxe o pasado ano no xurado do Premio Cinema e Ciencia que promove ese infatigable e xeneroso amigo que é Martin Pawley. Naqueles dous días quedei deslumbrado polo discurso de Oliver, pola súa poética cinematográfica, literaria ou pictórica e, sobre todo, pola súa ansia teimosa en perseguir na conversa a beleza nos territorios das artes. Foron os seus argumentos os que nos levaron a premiar tamén Ljusär, unha película pouco convencional na que o sueco Mikael Kristersson relata só con imaxes, durante máis dunha hora, o que sucede nunha hortiña dunha vivenda das aforas da cidade ao longo do ciclo dun ano.

Tras aquela experiencia tan grata, non me colleu por sorpresa a noticia de que Todos vós sodes capitáns, a súa primeira película longa, fose a gañadora do premio Fipresci, un galardón co que os críticos presentes no Festival de Cannes pretenden cada ano favorecer a visibilidade de novos valores. Nas conversas daqueles días, Oliver contáranos que levaba en Tánxer dende o ano 2006 e que traballaba nun obradoiro de cine con adolescentes. Adiantáranos, tamén, coa súa ironía perspicaz, que acometera o seu primeiro proxecto de longametraxe coa intención de filmar unha oliveira que moito lle impresionara, situada preto dunha das fortalezas defensivas existentes as beiras de Tánxer. Dende entón quedei co formigo no corpo e non tiven oportunidade de ver a película até a gala de Cineuropa, na que Laxe recibiu a primeira e merecida homenaxe na súa terra. E abofé que o film quedou moi por riba das miñas mellores expectativas.

Efectivamente, Todos vós sodes capitáns é unha homenaxe a sobria beleza dunha oliveira que debuxa o seu perfil sobre o horizonte. Unha árbore que serve ao autor para culminar un proceso de indagación dos límites existentes entre a realidade e ficción, fronteira que dinamita ao longo de toda a metraxe asumindo todos os riscos posibles. Baixo a aparencia dunha película documental de tintes autobiográficos sobre a experiencia dun director novo que pretende facer unha película cun grupo de adolescentes acollidos nun centro de menores inadaptados, Laxe reivindica a estirpe do cinema clásico máis sobrio e espido de calquera ornato, mesmo da presenza da música. Empregando os formatos máis primixenios do cine, dende as cámaras manuais á película de 35 mm en branco a negro, utilizando coa maior economía as escasas horas de filmación, Laxe amosa que son as imaxes e as palabras axeitadas a ferramenta indispensable para expresar o poder creador do cinema. A película toda é unha reivindicación dese poder extraordinario do cinema como arte, para o que non cómpren medios técnicos desorbitados nin industrias con pretensión de elefante, senón apenas unhas humildes cámaras nas mans dun grupo de rapaces inexpertos que viven en condicións moi precarias, mais que queren deitar a súa ollada na pantalla. Eis nese carácter artesán da súa indagación –na liña do expresado por Richard Sennet do traballo ben feito– é onde reside unha das claves da obra.

Ademais, nesa tarefa de procura colectiva, Laxe é capaz de amosar toda a intimidade do seu grupo de alumnos de xeito indirecto, case desenfocado, nun exercicio abraiante de sutileza e discreción. Moi lonxe da espectacularidade do documentalismo presuntamente naturalista, á que tan afeitos estamos polos produtos televisivos, a película consegue con enorme eficacia unha abordaxe educativa na que a vivencia do proceso acada cotas de beleza equiparables ás da propia fita, case sublimes no seu derradeiro treito. Poucas veces teño visto na pantalla un traballo tan interesante dende o punto de vista educativo. Aquí non hai paternalismo, nin o dogmatismo tan frecuente nas películas protagonizadas por rapaces con problemas. Aquí o director confía cegamente nos seus protagonistas, aos que enfronta coa construción do seu propio relato (en boa medida, sabemos que en base dun guión máis bosquexado que rotundo) diante da cámara. Asistimos así as súas crises cognitivas e afectivas, as súas desputas polos liderados, aos seus momentos de tristeza e a outros de plenitude na descuberta, momentos todos eles nos que as figuras das persoas adultas sinalan os límites e amosan os horizontes a enxergar. Eis nesa educación concibida como práctica da liberdade onde reside outra das claves da película.

Os moitos premios que ven recibindo avalan, sen dúbida, esta película de beleza inquedante que nos reconcilia co cinema máis transparente, co cinema que supera toda clase de fronteiras, linguas e culturas. Non teño dúbida que o seu éxito é unha das máis importantes noticias literarias deste 2010. Anuncia que o mellor de Oliver Laxe aínda está por chegar. Agardamos que a copia galega se poida proxectar nas salas do país nas vindeiros semanas ou meses. Hoxe, as nosas beizóns para Oliver e, tamén, para Felipe e Óscar, que sei comparten ao seu carón idéntico espírito e entusiasmo.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/b2Epb_C11Bw" width="750" height="448" wmode="transparent" /]

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/xR1uDAZUuWY" width="750" height="448" wmode="transparent" /]

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/VUbkUjy-O7A" width="750" height="448" wmode="transparent" /]