Está vendo o arquivo da categoría » Xullo 2009

Acabo de recibir na miña caixa de correo este programa en pdf da Feira do Libro da Coruña acompañado dun correo no que se anuncia a creación dun grupo de seguidores da feira en Facebook e se anima aos “amigos da literatura” a participar nas actividades con estas palabras: “Este año la Feria del Libro de A Coruña se consolida como la más importante de Galicia y prueba de ello es la presencia entre nosotros de autores como Espido Freire, Lola Beccaria, Marta Rivera de la Cruz, Javier Saez de Ibarra, Ignacio del Valle y Luis Sepúlveda; además de nuestros queridísimos autores: Manuel Rivas, Carlos G. Reigosa, Xavier Alcalá y otros muchos que podéis encontrar en el programa de actividades que adjunto.”

Ben sei que debe existir unha edición do programa en galego (non pode ser doutra maneira), porén paréceme un importante retroceso que fose a versión en castelán a utilizada de forma “preferente” polos organizadores para comunicar as actividades previstas. Comentario á parte merece a diferenciación sutil que na comunicación se establece entre uns autores e outros (“nuestros queridísimos autores”),  que amosa as categorías prexuiciosas coas que traballa quen así o escribe.

Non teño dúbida de que na Feira do Libro da Coruña o noso idioma e a nosa literatura deben de ocupar un lugar preferente, tanto nos fondos bibliográficos, nas actividades como na comunicación co público. Sen dúbida, iso salientará mañá Miguel Anxo Fernán Vello, o pregoeiro do evento. Ao longo da semana estaremos nos Cantóns e daremos conta das nosas impresións.

Actualización (14:15 horas): Responsables da Federación de Libreiros de Galicia fixéronme chegar as desculpas por esta comunicación, «atribuíble a un erro que xa foi subsanado, tamén na páxina de Facebook». Os responsables da organización da feira reiteráronme o seu compromiso coa lingua galega, idioma oficial da Federación de Libreiros de Galicia, reiterando que o programa impreso desta feira, como do resto das que eles organizan, aparece publicado só en galego. Rectificación oportuna que moito agradecemos.

A arte do book trailer

bretemas —  30 de Xullo de 2009
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/ZS9rltzpgzw" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Hai tempo que non recolliamos novos book trailer, esas pezas publicitarias audiovisuais de promoción do libro. O noso bo amigo Leroy Gutiérrez recolle nesta anotación algúns moi bonitos da editora portuguesa Livros de Areia. Leroy considera que estas pezas portuguesas posúen as catro características principais que eu traduzo debe ter este subxénero audiovisual ao servizo do libro:

1. Ser elocuente: as imaxes deben remitir ao libro.

2. Ser estimulante: pretendemos convertir ao espectador en lector.

3. Ser breve: un lostregazo entre os 20 e 60 segundos.

4. Ser preciso: debe aparecer a imaxe do libro.

En Xerais acabamos de preparar estes días un novo book trailer que agardamos poder presentar no mes de setembro. Pretendimos que fose elocuente, estimulante, breve e preciso, porén, non sabemos se o conseguimos.

Bibliotecas do futuro

bretemas —  29 de Xullo de 2009
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/UjoJd_uN-7M" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Este un recurso didáctico e divulgativo sobre o que serán as bibliotecas do futuro, como centros de acceso á información e coñecemento. Interesante reportaxe (case 10 minutos).

Vía Booktailors (Obrigado).

Moi interesantes parecéronme as conclusións (poden baixarse aquí en pdf) do Vº curso de verán sobre Dinamización Lingüística «Traballando coa lingua». A actual presión galegófoba, como a aceleración do proceso de substitución lingüística, obrigan a crear novos argumentos para o noso discurso de fomento do galego. Precisamos tanto novos argumentarios –conciliadores e firmes ao mesmo tempo, para dirixirnos con garantías de ser escoitados polos diversos sectores sociais– como utilizar distintas ferramentas e soportes para comunicalos (dende os procedementos máis convencionais da sociedade analóxica aos de carácter audiovisual e informático, moi eficaces na rede e nas novas redes sociais). No entanto, isto non abondará se non somos capaces de volver vencellar o galego con valores sociais positivos, o que axudaría a desmontar tantos prexuízos e falsidades existentes sobre o galego (que son manexados de forma demagóxica polos sectores galegófobos) e, o que non é menos importante, aumentar o perímetro do abrazo da nosa lingua. No fomento do galego, cómpre pasar do antipático resistencialismo da cultura da manifestación e da consigna a unhas posicións máis proactivas e creativas, nas que coa maior xenerosidade e pluralidade utilicemos con intelixencia e sutileza todos os medios ao noso alcance. Non está de máis recordalo, ás portas de coñecer os resultados da enquisa de Feijoo e do inicio da nova campaña de GB (unha nova trampa para a Consellaría de Educación).

Cen días de Feijoo

bretemas —  27 de Xullo de 2009

Fun consultado por Faro de Vigo e La opinión da Coruña para valorar os cen días de Feijoo no eido da cultura.