Está vendo o arquivo da categoría » Maio 2009

Chopos de Coia

bretemas —  31 de Maio de 2009

No artigo da semana da edición impresa de Faro de Vigo reflexiono sobre a delirante pretensión da concellaría de Parques e Xardíns de cortar os catro centos cincuenta chopos da avenida Castelao. Afortundamente, semella que só foi un tasacordo e a concelleira «renuncia a facelo». Como o artigo non foi publicado na edición electrónica do xornal, copio o texto:

A pretensión do concello de Vigo de cortar os catro centos cincuenta chopos (“populus nigra”) do boulevar da avenida Castelao, cunha altura duns quince metros e unha idade entre os trinta e os corenta anos, deixounos abraiados. E moito máis cando coñecimos que a razón aducida pola responsable da concellaría de Parques e Xardíns para prescindir deste grande arboredo urbano é que “os chopos xeran moitos problemas alérxicos por mor das peluxes que soltan”. A pesar de que nos últimos anos xa estamos curados de espanto sobre as declaracións e iniciativas dos nosos corporativos, considero que neste caso urxe unha reflexión máis serena e matizada sobre unha decisión que de levarse adiante privaría ao conxunto dos vigueses dunha parte do noso patrimonio forestal e dunhas pezas senlleiras da identidade urbana da cidade de Coia.

Cortar catro centas árbores en dous anos e substituílas por outras de copas máis baixas e maior colorido (como tamén manifestou a concelleira) non é unha decisión política rutineira semellante á muda do mobiliario urbano nin, por semellante que parecese, ao cambio do tipo de flores empregados nos xardíns e boulevares. Unha actuación tan agresiva co arboredo debería, como mínimo, estar avalada por un informe científico do seu impacto ambiental. Ata agora as razóns aducidas para cortar os chopos dos Catro Camiños (bo sería que en Coia se recuperase no viario a súa toponimia tradicional estudada por Iván Sestay Martínez) semellan que non teñen suficiente entidade. Diversos especialistas en alerxias e enxeñeiros de montes da Universidade de Vigo coinciden nas súas declaracións en que os amentos florais dos chopos (esas peluxes que arrevoan a avenida cubríndoa co seu manto branco) non son os causantes das alerxias que moitos sufrimos nestes días de tránsito cara o verán, cando os niveis de pole de gramíneas e oliveira son moi elevados. As peluxes dos chopos non conteñen pole, aínda que, indubidablemente, axudan a dispersar sementes e outros elementos contaminantes.

Parécenos unha falacia, tamén, esoutro delirante compromiso municipal de “substituír as árbores da cidade que poidan producir alerxia”, que de ser considerado ao pé da letra nos levaría a prescindir de boa parte do noso patrimonio natural do monte do Castro, dos parques de Castrelos, A Guía  e a Riouxa, por non falar da formidable coroa vexetal do noso periurbano, un patrimonio natural do que deberíamos sentirnos orgullosos e corresponsables de devolverllo aos nosos netos en mellores condicións que nós o recibimos. Unha práctica que non sempre soubemos respectar en Vigo, unha cidade que arrasou coas laranxeiras de García Barbón e Policarpo Sanz e os camelios da avenida de Beatriz, ou con boa parte das árbores da Gran Vía, de Úrzaiz, da rúa Coruña, de Pi e Margall, do Paseo de Afonso, caídas en cada nova humanización. Todo un paradoxo nunha cidade simbolizada por unha oliveira que nestes días ten sitiadas as súas raíces centenarias na proximidade das gadoupas das excavadoras. Unha cidade na que, non esquezamos, cortar árbores no entorno urbano está prohibido pola normativa municipal, que obriga ao seu traslado cando por algunha circunstancia de forza maior debe ser retiradas dalgún lugar concreto.

Ninguén pode dubidar que algunhas alerxias teñan a súa orixe nos elevados índices de pole na atmosfera, mais tamén debemos recoñecer que outras moitas son producidas polos altas taxas de contaminación emanadas da combustión dos vehículos. Conseguir unha cidade menos contaminada é, seguramente, o mellor xeito de asegurar unha vida máis saudable para os seus veciños. As árbores son fontes de vida e de luz para todos. Como esa formidable ringleira de chopos de Coia que durante décadas foron os amortecedores primeiros da contaminación acústica e atmosférica das ríadas de vehículos que percorren a avenida. Chopos que crean espazos de sombra, socialización e lecer para milleiros de veciños e veciñas de varias xeracións. Chopos que artellan unha pantalla de frescura no bochorno estival, amparando a súa veciñanza, e debuxan o perfil do urbanismo vigués menos agresivo das últimas décadas do século pasado.

O debate sobre o futuro dos chopos de Coia debería ser reconducido pola corporación transformándoo nun proxecto global dunha cidade saudable e para todos. Vigo necesita proporcionar vida renovada a todas as súas árbores (bo sería censalas e diagnosticar o seu estado); mais o Vigo futuro precisa plantar milleiros de novos carballos, camelios, magnolios, árbores froiteiras que inunden en ringleira o perfil das nosas rúas; como o corredor do Lagares precisa de centos de salgueiros, chopos e ameneiros. No entanto, se queremos esta cidade das árbores, primeiro debemos evitar cortar os chopos de Coia.

Finalistas dos Premios Xerais 2009

bretemas —  29 de Maio de 2009

Reunido, hoxe 29 de maio, no castelo de Soutomaior, o xurado da XXVI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que participaron corenta e cinco obras,  formado por Ana Bande Bande (bibliotecaria), César Lorenzo Gil (xornalista), Paz Raña Lama (profesora), Sonia Díaz (xornalista), Bieito Legaspi (profesor e membro de Espazo Lectura) e Fran Alonso, secretario do xurado en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «A soidade dos leóns», «Dinara», «Limiar da conciencia» e «O retorno das aves».

Pola súa banda, o xurado da IV edición do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que participan dezanove obras,  formado por Verónica Rego (en representación da Fundación Caixagalicia), Mónica Góñez (profesora e escritora), Pilar Ponte Patiño (profesora), Alba González Méndez (estudante de 4ª da ESO, IES Os Rosais de Vigo), Amanda Bouzada Novoa (estudante de 4º da ESO do IES Os Rosais de Vigo) e Xosé Manuel Moó Pedrosa, secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas as obras presentadas baixo os lemas: «Ás de bolboreta», «Dragal» e «Quiromántico».

O xurado da XXIV edición do Premio Merlín de literatura infantil, dotado con 10.000 euros e no que participan vinte e catro obras, formado por Rosana Estévez (contacontos e membro de Espazo Lectura), Santiago Gutiérrez (ilustrador), Mercedes Pacheco (tradutora), Mª Xesús Pereiro (escritora infantil e profesora), Xan Guillén  Vázquez (profesor e coordinador do Premio Literario Frei Martín Sarmiento) e Helena Pérez Fernández, secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas as obras presentadas baixo os lemas: «Papude», «Secundario» e «Septempunctata».

O fallo de cada un dos premios darase a coñecer no serán do sábado, 6 de xuño, no acto literario que terá lugar na illa de San Simón.

O vindeiro 16 de xuño aparecerá Alborada do Brasil, o novo disco de Carlos Núñez. Onte limos as primeiras informacións sobre un  proxecto do que sabiamos  traballaban, dende hai tres anos, Carlos e o seu equipo. Sentinme afectivamente vencellado a este proxecto desde as nosas primeiras conversas con Carlos e Fenrnando Conde sobre as relacións entre Galicia e Brasil, e, sobre todo, pola proximidade das nosas músicais tradicionais (ai, Antonio Nóbrega!, aínda por descubrir en Galicia). Agora, cando está a piques de aparecer (tanto o disco como a película do proxecto de investigación), a nosa ilusión medra.

Un cento de músicos participan no disco, dende Carlinhos Brown, Lenine e Adriana Calcanhotto á Escola de Samba de Beija Flor. Os trece temas supoñen unha viaxe pola diversidade das músicas do Brasil, dende o choro e a samba (presente en temas como “Vou vivendo” e “Alvorada de Cartola”), pasando polas percusións de estética medieval (“Nau bretoa”), á “bossa nova” e ás sonoridades gauchas do sureste. Nuns días seguro que temos oportunidade de escoitar algúns temas de primicia.

Actualización (31-05-2009): «Brasil somos nós», texto en primeira persoa de Carlos Núñez para La Voz de Galicia. Copiamos un anaco dun artigo ben bonito:

Brasil sempre ten sido para os galegos unha patria secreta onde desaparecer. En Brasil falan a lingua seguramente máis semellante ao galego que existe, se non é a mesma… No Brasil segue viva a alma da gaita, transmutada noutros instrumentos. Alí, a cultura das cantigas medievais galego-portuguesas, os nosos instrumentos musicais cáseque desaparecidos, as nosas tradicións… mesturáronse e fixéronse universais. En Brasil vive o noso pasado e quen sabe se o noso futuro.

Alí atopamos a nosa desexada síntese entre a cultura urbana e rural. No Brasil, as ondas do mar, a alborada, as noites de luar, as estrelas, as fogueiras de san Xoán, as sereas, as bruxas e o orballo, por non falar dos nosos diminutivos… gozan do glamour do artisticamente universal. Dito con outras palabras: no Brasil vive unha Galicia cool . Imaxinade a cara coa que ficaron os da Sony cando lles contei todo isto mentres escoitabamos o disco: «¡Carallo con estos gallegos! Ahora van y crean la música galego-brasileira!».

O caso é que volvo a casa convencido de que a nosa relación con Brasil pode ser clave para Galicia na nosa continua reinvención do país e, por que non dicilo, na creación de novos mercados. Sei que está todo por facer, pero penso que poderíamos estar diante dunha nova conexión artística tan potente como foi a música celta, coa que dalgún xeito conseguimos, dende mediados dos anos noventa, poñer a Galicia no mapa para moita xente.

Na ronda de sabios que entrevistamos para o documental que estamos a facer en paralelo ao disco, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, xa nos avisou: «Brasil é unha grande aposta, non só económica, senón tamén cultural». O meu amigo Manuel Bragado, director de Xerais, resumiuno en tres palabras: «Brasil somos nós». Hai pouco tempo, Juan Luis Cebrián foi aínda máis alá e dixo que «Galicia ten a sorte de ser a terra das cantigas e pode ser a ponte de España e Europa co Brasil».

Coñecimos hoxe a inagardada decisión da  Federación de Libreiros de Galicia de mudar as datas  da Feira do Libro de Vigo, que tiña prevista a súa celebración entre os días 3 e 12 de xullo e que finalmente quedará entre 10 ao 19 de xullo na Praza de Compostela. Descoñecemos as razóns desta mudanza que rompe cunha tradición de moitos anos de celebrar a Feira da Alameda arredor da primeira decena do mes de xullo. Algunha razón de peso haberá.

Outro esvarón de Feijóo

bretemas —  26 de Maio de 2009

No seguimento desa tarefa imparable de demolición da nosa lingua, emprendida polo Goberno de Feijóo, temos que ocuparnos hoxe do anuncio realizado polo presidente sobre o carácter vinculante da consulta que sobre a lingua materna de cada neno pretende organizar “proximamente” nos centros escolares. Chámannos a atención dúas cuestións sobre estas declaracións: primeira, que fosen realizadas en Barcelona, sen dúbida coa intención de acadar maior repercusión na prensa e no contexto da actual campaña das europeas (Génova apreta); e, segundo, o disparate no que incorre Feijóo  cando afirma que «quen decide sobre a educación dos nenos son os pais e non o Goberno». Dous séculos de educación pública dilapidados nun plis plas polo noso presidente, que non debe ter moito tempo para deterse a estudar os matices introducidos nos temas educativos e lingüísticos polos seus asesores e membros do seu goberno. Feijóo volveu atrapallarse? Confundiu allos con bugallos? Está moi presionado por Génova ou FAES?

O noso presidente debería coñecer que nas políticas de inmersión lingüística é moi importante contar co apoio das familias (ben o saben, dende hai décadas, as políticas da Generalitat); como non pode obviar (para iso mesmo está algunha sentenza do Tribunal Constitucional) que a competencia do establecemento do currículum (do qué, do cándo e do cómo se ensina no sistema educativo obligatorio) corresponde ás Administracións Educativas, nin a doutrina xurídica do Constitucional que deixa claro que os pais non teñen dereito a elexir a lingua de escolarización.

Os responsables técnicos da Consellaría de Educación deberían decontado aclarar o sentido das erradas palabras de Feijóo. Simplemente por respecto aos corenta mil profesores e profesoras galegos que hoxe se sentiron desautorizados por estas imprudentes declaracións. Un desprezo ao papel do profesorado (e aos seus dereitos) que non é a primeira vez no que incorre Feijóo. Alguén no PPdeG debería ter a afouteza de poñer couto a este delirio e introducir as mínimas doses de racionalidade neste debate educativo e lingüístico.

Señor presidente: as finalidades da educación sinálaas a sociedade por medio dos seus representantes lexitimamente escollidos; o establecemento das ensinanzas mínimas corresponde á Xunta de Galicia, previo informe do Consello Escolar de Galicia; os currículos de cada centro son competencia do claustro do profesorado, un órgano técnico que as recolle nun documento público (o proxecto currícular de centro); a programación que se desenvolve en cada aula é competencia de cada profesor ou profesora… As familias teñen o seu necesario e lexítimo espazo de participación por medio das eleccións do Consello Escolar do Centro e polas súas asociacións de pais e nais. En definitiva, no noso desenvolvemento constitucional e autonómico no eido educativo non aparece por ningures o que vostede defende. Quen o asesora? Onde quere levarnos?