Está vendo o arquivo da categoría » Outubro 2008

Vivamos coma galegos en Nova York

bretemas —  30 de Outubro de 2008


Volve a campaña de Gadis.

Morre Anxo Rei Ballesteros

bretemas —  30 de Outubro de 2008

Coñecemos por culturagalega.org outra noticia fatal para as letras galegas: morreu onte o narrador e ensaísta Anxo Rei Ballesteros, o xenial autor de Dos anxos e dos mortos e de Loaira, dúas das máis memorables novelas galegas do século XX. Hai dúas semanas Suso de Toro, tras o derradeiro encontro con Anxo, dedicáballe este fermoso artigo. As nosas maiores condolencias para a súa compañeira e todos os seus amigos da editorial Galaxia, onde publicou a maior parte da súa obra.

Hoxe hai setenta anos que Orson Wells protagonizou o famoso radiograma sobre «A guerra dos mundos» que provocou o pánico de milleiros de persoas que o escoitaron convencidas que a terra era invadida polos marcianos. Aquela dramatización e adaptación para a radio de Orson Wells (daquela un mozo) da novela homónima de H.G. Wells (hai tradución galega en Xerais de Gonzalo Constenla e Esther Sánchez Rodríguez) supuxo un dos primeiros acontecementos mediáticos do século XX e deu pé a bastantes lendas urbanas. Hoxe varias cadeas de radio españolas, entre as 21:00 e as 22:00 rememorarán o acontecemento. É unha mágoa que a nosa radio pública non emulase a iniciativa. Recomendo esta fantástica anotación de Microsiervos sobre tan simpático acontecemento literario.

«O libro galego no mundo»

bretemas —  29 de Outubro de 2008

Moi atractivo o programa do V Simposio O libro e a lectura no que se abordará a situación do libro galego no mundo. Especial interese teño en escoitar Josep Bargalló, o responsable do Institut Ramón Llull. Coñecer a experiencia catalana pode axudarnos a perfilar cales deben ser as características da nosa ferramenta de xestión para visibilizar a lingua, a cultura e o libro galego no exterior. Tamén pinta moi ben a mesa redonda na que participan Helena González, Xabier Cid e Arturo Casas que reflexionarán sobre a estratexia de internacionalización da literatura galega, así como, entre outras, as conferencias dos responsables das feiras do libro de Frankfurt, Boloña e o debate sobre as nosas posibilidades no mercado do libro lusófono. Penso que será un dos simposios dos editores galegos máis interesantes dos últimos anos.
O simposio realizarase os días 13 e 14 de novembro nas instalacións do Consello da Cultura Galega. A inscrición é gratuíta.

Carlos López, o autor de Minimaladas (Premio Merlín 2008) foi declarado hoxe gañador do Premio Raíña Lupa 2008 pola súa obra A peripecia de Roi. Precisamente, estes días, metimos no prelo Novas minimaladas, continuidade do seu libro anterior, ilustrada tamén polo seu amigo David Pintor. Beizóns para o bo de Carlos.