Está vendo o arquivo da categoría » Xullo 2008

Morte da lectura profunda

bretemas —  30 de Xullo de 2008

Vía Tokland chego a esta interesante anotación de David de Ugarte sobre a morte da lectura profunda, sintagma que faría referencia referencia ao tipo de lectura que acotío facemos sobre as pantallas: rápida, zapeada, transversal… Ugarte, citando un artigo de Nicholas Carr, considera que “leemos más que nunca, pero no nos abstraemos en un texto como antes durante horas. Ahora saltamos de un lado a otro, leyendo en diagonal, extrayendo datos de aquí y de allí, sin volver nunca a una fuente ya visitada. […] “El lado malo es que la lectura profunda es en realidad indistinguible del pensamiento profundo… y perdiendo una estaríamos perdiendo al otro. La perspectiva según el autor, es la de un tipo de pensamiento muy relacionado, muy comprehensivo… pero que no establecería relaciones íntimas entre temas dispares. En una palabra, sería menos profundo y por tanto menos innovador y creativo. Nuestra inteligencia se parece cada vez menos a lo que considerábamos inteligencia y cada vez más a la inteligencia artificial y a los sistemas expertos.”
Tanto o texto de Carr como a anotación de Ugarte fan referencia ao fenómeno da literacidade electrónica, esa lectura sobre pantallas que require unha nova formación para o lector e unha actitude, se cabe, máis crítica e cautelosa que sobre os textos impresos. Se a lectura sobre pantallas nos leva, inexorablemente, cara á superficialidade e cara un pensamento feble, si que estariamos perdidos. Quizais o contrapunto reside nestoutra anotación de Tiscar, recuperando conceptos esenciais de Paulo Freire, o pedagogo brasileiro que acuñou o concepto de literacidade (a lectura é unha práctica social dun tempo e sociedade concretos).

Cuil

bretemas —  29 de Xullo de 2008

Decepcionoume un chisco. Lera moitas cousas pola rede promocionando este novo buscador, preparado por ex-estrelas de Google, aparecido onte. Ás buscas, se lle engade, como contexto, outras de carácter semántico (o que parece, algo bastante interesante). Seguirémolo probando.

Poeta europeo de primeira clase

bretemas —  29 de Xullo de 2008

Da emocionante homenaxe que onte ao mediodía se rendeu en Ferrol a Ramiro Fonte, quédome con esta frase do crítico Miguel García Posada: “Ramiro Fonte é poeta europeo de primeira clase”. Ademais, puidemos escoitarlle recitar dous poemas magníficos dos que formarán parte do novo libro que está preparando este eumés universal.

Actualización (31-07-2008): fermoso artigo de Miguel Anxo Fernán Vello sobre a figura e a obra de Ramiro.

Festas laicas

bretemas —  27 de Xullo de 2008

No artigo da semana felicito á concellaría de Cultura de Vigo polo seu programa de Festas verán 2008, ao tempo que aproveito para reflexionar sobre o carácter laico que deben ter este tipo de eventos e dos comportamentos das autoridades e funcionarios civís.

Nova Escola Galega, 25 anos

bretemas —  26 de Xullo de 2008

Galicia hoxe publica unha entrevista con Xosé Lastra Muruais, presidente de Nova Escola Galega, con motivo do vinte e cinco aniversario do noso movemento de renovación pedagóxica. Esta é unha efeméride que para min non pode pasar desapercibida. A miña vida profesional, tanto como docente, pedagogo e editor non se pode entender sen Nova Escola Galega, un colectivo de medio milleiro de profesionais da educación soñadores que, dende eidos diferentes (a escola, a universidade, os concellos, a edición educativa privada ou dende a merecida xubilación) seguimos teimando na procura da escola galega das pombas. Ten moita razón Lastra cando amosa a vixencia do noso proxecto, continuamos acometendo “unha acción decidida, autónoma e favorable á causa da educación pública e democrática, laica, galeguizadora e socialmente integradora, amais de respectuosa co pluralismo democrático”. Nestes vinte e cinco anos, mudaron moito a escola e a sociedade galega, porén continúa a nosa teima pola construción dunha escola pública galega. O vindeiro 29 de novembro estaremos no Museo Pedagóxico Galego para celebrar este primeiro século de angueira, o que é dicir unha parte vital das nosas vidas.