Está vendo o arquivo da categoría » Xaneiro 2008

Letras Galegas 2008

bretemas —  31 de Xaneiro de 2008

Presentamos a nosa oferta editorial do ano de don Xosé María Álvarez Blázquez.

O retrato é do pintor e ilustrador Manuel Uhía.

Libros sen papel

bretemas —  30 de Xaneiro de 2008

Xavier Alcalá é dos primeiros autores galegos que propón unha reflexión pública sobre a utilidade dos libros sen papel. Alcalá, como tecnólogo que é expresa a súa posición, con prudencia, mais sen deixar lugar a moitas dúbidas:

“O libro sen papel está na rúa, conectado sen fíos á rede de redes, e capacitado para almacenar moreas de textos que se len comodamente pasando páxina ao premer un botón. Polo momento estes libros «electrónicos» non son baratos, pero a curva de aprendizaxe vainos converter nunha vulgaridade coma a dos teléfonos móbiles.”

Quen pode negar que o debate sobre o libro electrónico xa entrou na cultura galega?
Etiquetas:
A pasada semana falabamos do interesante debate sobre os “libros de mañán“. Hoxe aconsello este artigo luminoso e moi clarificador do escritor arxentino Andrés Neuman onde se abordan practicamente todos os temas daquel debate. Recomendo moito a súa lectura. Adianto un dos parágrafos que considero máis interesantes para a autoestima dos editores que continuamos publicando libros impresos:
“No estoy seguro de que sea una buena idea depositar la mayor parte de las energías editoriales en ediciones de bolsillo. Al menos no en aquellas que, más allá del saludable abaratamiento del precio, le ofrecen al lector un objeto mal encuadernado, incómodamente impreso y no demasiado legible. Si se tratase sólo de ahorro de materiales y bajada de costes, entonces el libro digital llevaría las de ganar. Por supuesto, que los libros tengan un precio razonable y accesible para el comprador medio es algo sin duda positivo. Pero el atractivo de un libro impreso está también en la experiencia material de su disfrute y posesión. Por eso, aunque parezca contradictorio, simplificar la edición impresa hasta obtener un objeto tan barato como rudimentario, podría llegar a ser contraproducente: la función específica (estética, simbólica, sensorial) del objeto libro quedaría en entredicho. Si yo fuera editor, apostaría por subrayar el carácter de belleza física, de pequeña obra de arte, de objeto palpable, asible y deseante que tiene todo buen libro impreso. Además de seres digitalizados, seguimos siendo seres con dedos.”

Fronte a posicións apocalípticas, agradécese esta posición realista de Neuman que propón aos editores, autores e demais profesionais do sector do libro un diálogo desprexuízado con novos tempos e as posibilidades creativas dos novos soportes, o que non supón que o actual libro impreso vai desaparecer.
Etiquetas:

"Merdeiros" de Vigo

bretemas —  30 de Xaneiro de 2008

Esta noticia de Máis Alá éncheme de ledicia. A volta dos “Merdeiros” a máscara tradicional do Berbés é unha das miñas vellas teimas. Hai sete anos, publiquei o primeiro artigo no Faro sobre esta máscara viguesa dos “merdeiros” ou “escabicheiros” do noso barrio de pescadores, figuras que satirizaban ou parodiaban cruelmente aos campesiños que viñan a Vigo a limpar os pozos negros e recoller o escabiche, os refugallos do peixe no peirao do Berbés, co que estercaban as súas leiras. Unha máscara desaparecida a partir de 1936, que pretendía ridiculizar de forma festiva, e algunhas veces provocadora, aos campesiños nun ambiente netamente mariñeiro.
Tivemos noticia dela pola noticia aparecida no libro de Federico Cocho que recollía a descrición realizada por Vicente Risco e debuxada nos traballos etnográficos publicados polo entrañable Xoaquín Lourenzo. A miña proposta foi axiña recollida polo Plan Comunitario de Teis que intentaron reiventar o humilde disfrace de merdeiro: camisa branca arremangada, chaleco e pantalón de pano a xogo, polainas e zapatillas brancas. Máscara de confección ben sinxela que, se seguísemos a descrición de Risco e Lorenzo, debería enriquecerse na parte posterior do chaleco cunha aplicación de tea que, semellante a dos cigarróns ou a dos peliqueiros, representase símbolos astrais ou animais: o sol, a lúa, un burro, un galo, unha galiña… Tampouco habería que esquecer o pucho de pano branco cunha tira vermella ou verde no bordo e un sol ou unha lúa de pano ganduxada no alto.
A imaxinación que se lle queira botar e as novas tecnoloxías da costura e dos tecidos poden levar a insólitas variacións na fasquía desta máscara de entroido, xenuinamente viguesa, que protexía as súas partes co peluxe dunha vasoira ou cunha ristra de cebolas, pendurada dun cordel atado á cintura sobre unha faixa azul, verde ou encarnada. Sen esquecer que non lle pode faltar unha vara ou un farol, que poden ser substituídos polo mango dunha vella vasoira ou por unha verza, xa que gostaban de vagar en solitario polas rúas, choutando, como fan os Troteiros de Bande, diante da xente e botando para diante o seu colgarexo.
Hai dous anos volvimos no Faro sobre a cuestión dando noticia de que a recuperación do disfrace dos merdeiros de Vigo parecía un feito consolidado grazas á iniciativa da Asociación Cultural A Revolta do Casco Vello (Real 32) e ao traballo de investigación e divulgación de Gerardo González: tivemos oportunidade de coñecer a cinco merdeiros trouleando polas rúas do Vigo vello. Este ano 2008, como se pode comprobar na foto, os mozos mozas da Revolta volverán saír este domingo e martes de Entroido. Beizóns, para estes novos escabicheiros!
Estes días daremos outras notas sobre a historia do entroido tradicional vigués.

Etiquetas:

Comezamos o ano con dúas estreas na colección Xerais Narrativa: a novela A venus de cristal da narradora coruñesa Chelo Suárez e o libro de relatos A idade da auga do escritor escocés (afincado en Galicia) James Salter.
A de Chelo, ambientada na Venecia de finais do século XIV constitúe unha proposta de narración moi singular, protagonizada por un vidreiro alquimista que frecuentando todos os bordeis dunha cidade en decadencia procura atopar rapaza que agoche no seu interior unha alma inmortal e bela. Unha narración sensual, de prosa moi elaborada, enchida de personaxes grotescos e fantásticos.
A de James, oito relatos ambientados todos eles en Vigo, unha cidade-barco case chea de gaivotas, na que se exploran os vieiros do imaxinario creativo e fantástico de Cunqueiro ou do pintor Urbano Lugrís. Dous novos autores para a narrativa galega que creo supoñerán toda unha sorpresa. Agardemos a recepción destes textos.
As dúas cubertas, como ven sendo adoito nas últimas entregas, son do fotógrafo Fran Herbello.

Etiquetas: