Está vendo o arquivo da categoría » Outubro 2007

Despois de dúas xornadas de intenso traballo en Madrid, regresei por Compostela para participar na presentación de Illa soidade de An Alfaya, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil e O ceo dos afogados de Francisco Castro, finalista do mesmo certame. A presentación foi moi xeitosa e orixinal, xa que An presentou a obra finalista e Fran a gañadora.
An Alfaya sinalou que que toda a literatura de Francisco Castro era trangresora e esta novela, enchida dunha atmosfera de extrañeza, tamén o era, xa que constitúe un S.O.S do que está pasando no mundo. Pola súa banda, Fran indicou que a novela de Alfaya abordaba un tema silenciado que busca facernos reflexionar: “Detrás de cada illa soidade hai un corazón, hai tenrura, hai odio, hai amor, hai un ser humano”. Dúas novelas literariamente importantes sobre o dilema da comunicación/incomunicación que amosan a madurez da nosa literatura xuvenil.

Globalización e identidade europea

bretemas —  28 de Outubro de 2007
Pedro Valadés publica hoxe nun dos seus blogs (no dedicado a Europa), a tradución para o galego do moi interesante artigo que Xavier Rubert de Ventós publica hoxe en El Pais. Un deses textos para ler devagariño (con moitas análises que interrogan). Deebe quedar no arquivo para volver outra vez sobre algunha das súas propostas.

Que facemos co botellón?

bretemas —  28 de Outubro de 2007

No artigo da semana atrévome a propoñer unhas reflexións sobre cuestión tan complexa coma o dos efectos do botellón na convivencia urbana.

Etiquetas:

Esta mañá presentamos no concello de Melide A lúa dos Everglades, a novela de Xesús Manuel Marcos gañadora do Certame de narrativa Terra de Melide 2007. Quedei abraiado pola intervención de Socorro Cea, a alcadesa do BNG, que soubo contextualizar a presentación na tradición da edición de Terra de Melide o 7 de xuño de 1933 por parte dos membros do Seminario de Estudos Galegos e de Ánxel Casal (que xa ten rúa en Melide, dende o pasado mes de agosto), ademais de amosarse moi agarimeira co traballo da editorial. Grazas, moitas grazas.
Na súa intervención Marcos alternou a lectura de fragmentos [moi ben escollidos] da novela con algúns comentarios sobre eles. Quedei na libreta con estas notas das súas palabras:

  • “O tema da emigración, paradoxicamente, foi pouco tratado na literatura galega”.
  • “A novela abrolla no tempo e na distancia, que non se mide en espazos, senón, como sinala o poeta Xoán Neira, en sentimentos”.
  • “Os personaxes da novela percorren as rúas de Bos Aires, Madrid ou Miami, mais co seu espírito percorren os vieiros dun pasado inesquecible. […] A droga máis dura que coñecen: a súa Terra”.
  • “Cada emigrante recende a pan e maila terra mollada”.
  • “Os Tamara son a melodía da distancia”.

Culminamos a presentación cun pouquiño de empanada e queixo, adozado con melindres e eses “Ricos” (únicos) de Melide, dos que trouxemos un par de bolsas para Vigo.

Actualización (28-10-2007): a noticia da presentación na Voz de Galicia e a referencia aos Ricos (doces en perigo de extincio) no blog de Marcus.

Unha chamada que non chega

bretemas —  26 de Outubro de 2007

Non acabo de comprender como é posible que Rubén Ruibal non fora felicitado aínda pola Conselleira de Cultura ou polo Director Xeral de Creación Cultural ou por calquera outro membro do Goberno galego (Si o foi polo Ministro de Cultura e polo Director Xeral do Libro). Todo unha torpeza, que agardo sexa retificada decontado. Aínda que non hai noticias sobre a representación da obra premiada, e a pesar que existía un compromiso nas bases do premio Álvaro Cunqueiro de representala nun prazo inferior aos dous anos (xa superado), polo menos nestes días e despois da noticia do Nacional moveuse unha esperanzadora posibilidade de que sexa adaptada como telemovie.

Actualización (27-10-2007): “Silencios”, unha anotación moi clarificadora en Alicia Crece.

Etiquetas: