Está vendo o arquivo da categoría » Setembro 2007

Rede blogs e libros

bretemas —  30 de Setembro de 2007

A iniciativa de Txetxu participamos na rede social de Blogs e libros. Consolídase así, tras a iniciativa do censo de Tramas e texturas, un espazo na rede sobre blogs, libros e lectura.
Etiquetas:

Rotundo éxito da homenaxe de tres días rendida no Morrazo a Bernardino Graña con motivo do seu setenta e cinco aniversario. A cea de homenaxe, os concertos e recitais, como a presentación do libro foron todos actos moi concorridos e agarimeiros co noso mariñeiro das palabras.
A presentación do libro colectivo, coordinado por Héitor Mera, –fóra dun malentendido que me deixou desolado (por causas incomprensibles non se publicou o traballo enviado por Xosé Vázquez Pintor, dende aquí expresamos as nosas maiores desculpas para el)–, foi outra oportunidade para escoitar a Bernardino expresando con absoluta liberdade o horizonte dos seus soños.

O de Tirán comezou a súa intervención lamentando algunhas grallas que detectara na edición do libro (“areíñas que se meten nos zapatos”), froito do apresuramento na realización dos traballos. Referiuse despois a satisfacción que lle producía o proxecto de Xerais de editar Catro de Sinfarainín, a tetraloxía de pezas dramáticas infantís que publicaremos na vindeira primavera. A primeira, O lobo do saco é unha referencia explícita a Franco que non puido ser publicada por mor da censura e que se distribuíu a ciclostil. A segunda, A larpadela gustosa do lobo e a raposa, como a terceira, Sinfarainín contra don Perfeuto (publicada como separata do número 48 da revista Grial) están protagonizadas por ese sínfano, un mosquitín que se mete por todas as partes, inventado vendo unha representación dunha obra de Lorca, que representa a conciencia das cousas. A última, Os burros que comen ouro, será publicada con arranxo á primeira versión para nenos, a pesar de que foi representada nunha versión para persoas adultas.
Continuou Bernardino expresando que “teño moi boa sorte con esta homenaxe, mais teño mala sorte co teatro. Sería bo facer unha representación de Vinte mil pesos crime“, ademais de desvelar que ten gardada na gaveta outro texto de teatro para adultos, Unha vella en auto-stop, peza a que logo mudou o título por Nun caseto que vai ser un banco, que quizais algún día poida ser publicada e representada. Rematou as súas palabras facendo unha defensa vibrante do libro e da lectura: “Os libros son para tomar conciencia. Espero, son utópico, que neste século XXI vexamos todo o que nos prometeron na metade do século XX, menos traballo e máis tempo para ler e asistir a representacións teatrais. Aspiro á semana de catro días de traballo. Así poderemos estar lendo e as máquinas e robots traballando para nós. Así nos homenaxeremos todos”.

Actualización (01-10-2007): “Eu tamén utópico“, comentario de Náufrago.

Contos de agardar

bretemas —  30 de Setembro de 2007

No artigo da semana valoro a importancia da campaña de promoción lectora e de uso do galego que se está desenvolvendo nas comisarías de policía. Unha experiencia moi novidosa e meritoria, enmarcada na campaña “En galego, con toda seguridade“, promovida pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística e a Secretaría Xeral de Política Lingúística.

Etiquetas:

Retrato de Urbano Lugrís

bretemas —  29 de Setembro de 2007

Despois das dúas presentacións, onte en Vigo e anteonte na Coruña, da novela de Luís Rei Núñez e das primeiras recepcións de lectores (todas moi entusiastas e coincidentes en que a lectura destas catrocentas páxinas faise dun tirón), teño a impresión que esta será unha das novelas mellor valoradas e máis lidas dos últimos anos.
As intervencións memorables dos presentadores, os poetas Manuel Álvarez Torneiro e Ramiro Fonte, foron en idéntica liña e coincidiron na estirpe cervantina deste retrato da aventura humana do pintor de Lugrís coas luces da bohemia coruñesa dos anos cincuenta como teón de fondo. “Unha novela que ensancha con humildade e traballo os límites da nosa narrativa contemporánea”; “unha prosa para endereitar o rumbo zozobrante da narrativa galega” (dixo Fonte). “Unha aventura humana, un drama, un destino de Urbano Lugrís que non está nos museos, mais que está na novela de Luís Rei” (dixo Torneiro). A amizade do pintor co poeta de Taramancos (na liña das grandes parellas literarias e cinematográficas Quixote e Sancho, Laurel e Hardy, Martin Pawley e Ethan Edwards) os límites tan tenues entre a realidade e a ficción (con precedentes en Max Aub, Valle, Cansinos Assens ou Vázquez Montalban), o procedemento arriscado dos diarios apócrifos, o xogo das dúas voces (a do narrador e a apócrifa do pintor), a importancia da literatura biográfica para os narradores (“Unha tarefa que debían acometer todos os narradores é escribir unha biografía doutro escritor”, dixo Fonte), as relacións entre a pintura e a literatura (e mesmo a vocación dormida de pintor de Rei Núñez) ou o carácter poliédrico e contraditorio do protagonista foron outras reflexións expresadas nas dúas presentacións. Unha novela importante, moi recomendable.

Nota: a próxima presentación realizarase o 25 de outubro, organizada polo Ateneo de Pontevedra.

Actualización (01-10-2007)
: Folerpa recolle outras frases de Ramiro Fonte da presentación.

In an Absolut world

bretemas —  28 de Setembro de 2007

Estes dous anuncios forman parte da nova campaña mundial do vodca Absolut. Pretende provocar o debate entre os consumidores sobre temas de actualidade. Noutra ocasión xa temos rescatado os impactantes anuncios de Smirnoff, a súa maior competidora. Nos dous casos amósanse as posibilidades narrativas da nova publicidade da era da globalización. A campaña de Absolut estará nos cines españois no vindeiro mes de outubro.
Etiquetas: