Está vendo o arquivo da categoría » Agosto 2007

BlogDay 2007

bretemas —  31 de Agosto de 2007

Hoxe é o Blogday 2007, unha xornada creada coa intención de que os blogueiros coñezan a blogueiros doutros países ou doutros centros de interese. O rito proposto semella que consiste en recomendar cinco blogs, preferentemente dunha cultura distinta a da propia. Como son ben ghiadiño, e como xa fixera o pasado ano, aí vai a miña proposta para tecer a rede de libros e blogs:

  • Alessandro Martins: un paulistano que mantén unha xanela aberta ao mundo do libro e da textualidade electrónica.
  • The Book Design Review: o blog de Joseph Sullivan que, dende Chicago, ofrece unha interesantísima reflexión sobre o traballo portadístico e de deseño do libro.
  • El ojo fisgón: o blog de Martín Gómez, hoxe para min, o máis interesante e traballado que coñezo sobre tendencias no mundo editorial.
  • Charkin blog: o espazo de Richard Charkin, o responsable de Macmillan, un dos poucos publishers con actividade da rede.
  • Extratexto: o blog rexido por Nuno Seabra, o máis documentado (actualizadísimo) en portugués sobre o mundo profesional da edición.
Etiquetas:

A Fiscalía entra en Gaiás

bretemas —  30 de Agosto de 2007

Sabiamos que a posta en marcha da comisión de investigación sobre a xestión e as adxudicacións realizadas na Cidade da Cultura non era un camiño substitutorio da actuación da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza (como, seguramente, pretendía o PPdeG). Tras o informe do Consello de Contas detectando importantes irregularidades no proxecto, era lóxico que se producise esta importante noticia. O que pode dar de si a apertura desta sandía, é impredicible. Quizais esteamos diante da noticia máis importante desta lexislatura?

Ranking da edición mundial

bretemas —  28 de Agosto de 2007
No blog de Richard Charkin, un dos responsables de Macmillan, publícase o ranking da edición mundial nos anos 2006 e 2005 en función dos resultados de explotación. Unha mostra moi clara do proceso de concentración na mundialización do sector. Paréceme significativo que o noso xigante, Planeta, ocupe só o posto número doce, Santillana o vinte e oito e que sexan os grupos educativos ou os dedicados á edición profesional os que ocupan as primeiras posicións. Tamén é moi salientable a xeografía que debuxa esta táboa, na que coa excepción da edición xaponesa, todos os grupos son norteamericanos e europeos. Esa é a auténtica xeografía do libro e a lectura no mundo contemporáneo?
Etiquetas:

Volve Luís Rei Núñez

bretemas —  28 de Agosto de 2007

Entrou en impresión a nova obra de Luís Rei Núñez, un dos nosos mellores novelistas actuais. Eis o texto de contracuberta que preparamos para presentala:

Novela ou realidade? A pregunta que moitos lectores deste libro se formularán é a mesma que sen dúbida se lle presentou milleiros de veces ó gran pintor e escritor Urbano Lugrís (A Coruña, 1908-Vigo, l973) mentres era arrastrado polo río dunha existencia sometida a toda clase de vaivéns. Outro caudal, de tinta e testemuños, é o que lle serviu de base a Luís Rei Núñez nesta viaxe arredor dunha figura desmesurada coa que, ademais, consegue trazar o fresco de toda unha época de penitencia e un moi veraz retrato de grupo; con mestres en gramática parda, señoritos tarambainas, artistas dipsómanos, mulleres que fuman, bares de alterne, un ruso “branco” ou os candorosos aprendices de literato… en definitiva, a fauna que opta polo exilio da bohemia cando o única vía de escape, na inacabable invernía dun réxime inxusto, consiste en contar co talento innato de Pucho Boedo, fenómeno da canción, ou de Luís Suárez, grande astro do balompé muncial. En tempos de descrédito para as apostas de calado, Rei Núñez sorpréndenos construíndo unha obra que, sen deixar de ser rigorosamente contemporánea, é de clara estirpe cervantina. Novela, si; mais tamén realidade. Como a vida.

O señor Lugrís e a negra sombra estará nas librarías na terceira semana do mes de setembro. A edición en castelán será publicada por Ediciones del Viento.

Etiquetas:

Campos do Fragoso XLIII

bretemas —  27 de Agosto de 2007

ASÍ NON SUBIMOS
Polo que vimos contra o Córdoba, así non subimos. O Celta de Stoichkov naufragou en todas as súas liñas contra o equipo que hai só uns meses gañou o Play Off de ascenso ao noso benquerido Pontevedra. Sen patrón de xogo, sen identidade de conxunto, sen individualidades desequilibrantes, sen referentes de liderado dentro e fóra do terreo de xogo, sen coñecemento das características do equipo rival, sen compromiso nin convicción nas propias posibilidades, os célticos foron dominados coma fantoches durante case todo o encontro (nalgúns momentos da segunda parte de forma vergonzosa) por un equipiño entusiasta que se tería levado doadamente o encontro de ter máis fortuna na finalización. Custoulle ao Celta media hora realizar un remate e, en todo o partido, só foi capaz de tecer unha xogada con verdadeiro sentido atacante (a do gol dun pésimo Canobbio, que culminou unha boa asistencia de Larena). Un pobrísimo balance de xogo para o peor Celta que recordo, polo menos, nos últimos quince anos. Os sufridos resistentes da bancada (apenas a metade dos que comezamos a tempada pasada) non podemos dar creto á semellante desfeita que, sendo realistas, sitúa aos celestes moito máis preto da 2º B ca do devecido ascenso a primeira. As dúas únicas notas positivas da lamentable matinal de onte foron o debut de tres canteiráns (Richi, Dani Abalo e, sobre todo, dun prometedor Roberto Lago), que adozaron cun pouco de sal e optimismo o aborrecemento do público, e a posibilidade de tributarlle unha derradeira homenaxe a Borja Oubiña, quen, inevitablemente, abandonará o clube esta semana. Moito, moito terá que mellorar este equipo, instalado nunha crise gravísima de identidade, para poder aspirar a recuperar tanto terreo perdido. A mesma enerxía que utilizou o señor Mouriño para desmantelar nunha semana o club debería empregala ésta para rearmar realmente o equipo. Se non o fai, pode volver precipitalo no abismo.

Etiquetas: