Ardora

Dedico o artigo da semana a comentar as Ordenanzas de 1573 sobre a pesca da sardiña na ría de Vigo, texto que coñecín traducindo para o galego o primeiro capítulo d’ A cidade e os días de Xosé María Álvarez Blázquez. É reveladora, e moi actual, a conciencia conservacionista que posuían os mariñeiros galegos de hai cinco séculos.

Etiquetas:

A contrafío

Visitei ao longo de toda esta semana este novo blog de política nacionalista. Recoméndoo: anotacións moi ben escritas, rigorosamente documentadas e arriscando opinións nacionalistas fóra do marco do politicamente correcto (as anotacións sobre a saída da Volta a España e sobre a composición do goberno municipal de Vigo son dous bos exemplos). Saudable tamén é a volta a actividade, tras un pequeno descanso, dos blogs de Ian e do Funambulista coxo (magnífica a súa anotación sobre Terrorista de Updike e a pintura de Antonio López)

Etiquetas:

O ADN de Juan Varela

Esta entrevista con Juan Varela, o noso benquerido mestre blogueiro e director do futuro xornal dixital Adn.es, apunta interesantes reflexións sobre o periodismo de hoxe que quere acometer a partir do mes de setembro. Velaí unha cantas.

  • Los medios informativos tenemos que hacer información: innovar en estilos, contenidos, ideas que tengan que ver con la información.
  • Los gratuitos nos han demostrado que se pueden crear nuevos públicos.
  • Buscamos un público de calidad en términos de mercado. Queremos que nuestros usuarios estén más tiempo con nosotros, haciendo más cosas con nosotros y cuyo perfil le apetezca más a los anunciantes. Las masas no son nuestro ámbito. A mi redacción le estoy diciendo que piense en personas, individuales, concretas y absolutamente diferentes entre sí para llegar también a comunidades con elementos en común muy fuertes.
  • Una de nuestras noticias utilizará formatos tradicionales, desde la pirámide invertida o las seis uve dobles hasta narrativas no lineales o activismo narrativo. Hay que avanzar en el hipertexto y en la multimedia de verdad, no en pegar en una noticia un vídeo concebido para la televisión.
Etiquetas:

Prometeus, A revolución dos medios

Os blogs, google e, quizais, internet desaparecerána antes que os libros analóxicos? Cal é o ritmo da aceleración tecnolóxica? Eis un vídeo de especulación futurista que corre pola rede cunha visión tecnófila abondo determinista.
Vía Juan Freire.

Libro de texto

Agradécese moito esta reflexión de Txetxu sobre a cuestión do libro de texto. Estou convencido de que o novo sistema de prezo libre para o ensino obrigatorio implantado as presas, tras a recente aprobación da nova “Lei da lectura, libro e bibliotecas“, moi pouco vai contribuír a revalorizar o libro de texto como ben cultural e educativo e a favorecer a competencia entre librarías e grandes superficies (temo que os libreiros volvan ser os grandes perdedores). Se a isto engadimos a confusión creada en Galicia polo funcionamento do modelo de gratuidade mediante préstamo (sendo rigorosos, incompatible con este sistema de prezos libres), temos asegurado un vindeiro mes de setembro caótico para as familias, libreiros, profesorado e os propios editores. Non debería alguén poñer un pouco de orde e sensatez no sector?
Tampouco lle falta razón a Barandiarán cando profundiza na reflexión sobre o futuro dos materiais curriculares non universitarios, que, queirámolo ou non, está vencellado ao desenvolvemento das competencias dixital e en comunicación lingüística (a famosa ALFIN ou alfabetización informacional ou literacidade electrónica, como queiramos chamala) dentro de todo o sistema educativo. Para iso falta mellor conectividade nos centros, máis e mellores materiais electrónicos e moita formación (de editores e do propio profesorado). Calquera alternativa de futuro sobre o libro de texto (máis alá das “crises dos modelos de gratuidade”) debería pasar por abordar esta cuestión decisiva (unha auténtica reconversión do noso sector). Xa é tempo de que os editores comecemos a poñerlle nome aos verdadeiros retos cos que nos enfrontamos.

Etiquetas:

Morreu don Elixio Rodríguez

Esta mañá soubemos do falecemento en México D.F., aos noventa e sete anos, de don Elixio Rodríguez Domínguez. Foi este o primeiro verán no que don Elixio, acompañado sempre de dona María Gloria, non puido acudir a Bande, onde tivemos a enorme fortuna de coñecelo hai case vinte anos cando alí traballamos, a vila onde hai setenta e cinco fundou a agrupación das Mocidades Galeguistas e onde deixou tantos e tantos amigos.
Durante toda a súa vida, este “metiche” (como agarimosamente o chamaban os membros da comunidade galega emigrada en México), nunca desistiu da súa fe galeguista e republicana. Testemuño recollido en Matádeo mañá, un volume memorialístico que constitúe unha reconstrución emocionante do seu periplo vital, ao tempo que unha das pezas primeiras da nosa literatura da memoria histórica.
Viviu, contra o seu criterio, a Guerrra Civil nos dous bandos, no sublevado en intres dramáticos, case diante dun pelotón de fusilamento en Celanova, incorporándose como piloto de combate e, posteriormente, pasando ao bando legalmente constituído. Traballou como secretario de Castelao na Solidariedade Antifeixista Galega, para logo, en 1939, coller o camiño do desterro cara México no buque Ipanema. No seu país de acollida, don Elixio desenvolveu unha actividade empresarial como propietario dunha empresa de plásticos, o que non lle impediu realizar unha actividade política e cultural galeguista moi intensa, participando en múltiples iniciativas como no programa radiofónico “A Hora de Galicia” ou no Padroado de Cultura Galega de México participando no consello de redacción da revista Vieiros (1959), xunto a Luis Soto, xermolo da vangarda política, cultural e estética dun renovado nacionalismo galego.
Recordo a don Elixio sempre fumando, parándose para comentar devagariño un acontecido. Recordo a viaxe que fixermos a Ponte da Barca un sábado para tomar o bacallao e o estropicio que a nosa María (que entón non tiña dous anos) lle fixo ao seu coche. Recordo súas chamadas telefónicas para anunciarnos con voz entusiasmada a súa presenza en Galicia, durante os meses dun veráns que alongaba ate o San Martiño. Recordo a humilde homenaxe que lle rendemos no premio Xerais de 1993 en Pontevedra, antes da aparición de Matádeo mañá, cando case era un descoñecido no país que tanto amaba. Hoxe recordámolo con saudades e emoción agradecida. A nosa apreta solidaria para dona María Gloria e para Iago Xes, Paio Fiz, Alda Olaia, Elixio Gael e Denís, os seus catro fillos que manteñen acesa a causa de Galicia en México D.F.

Información na rede do falecemento: Caderno arraiano (imaxe do seu velorio enviada polos seus familiares), Vieiros, La Voz de Galicia, GZnación, Xornal.com.

Etiquetas:

BNG

Este artigo de Antón Baamonde e estoutra anotación de Pablo Eifonso son dous textos moi clarificadores que axudan a comprender as razóns das formas de entender o exercicio do poder que parecen preferir algúns dirixentes do BNG.

Etiquetas: