Está vendo o arquivo da categoría » Xuño 2007

O oficio de editar

bretemas —  30 de Xuño de 2007

Ao fío do anuncio do novo Máster de edición, xa o terceiro, Juan dá conta da experiencia de creación dun marcapáxinas que expresase o concepto dinámico do proceso editorial. Para iso ocorréuselle sobrepoñer con diversas tipografías unha serie de verbos relacionados co de editar. A lista non ten desperdicio:

promocionar, coordinar, planificar, relacionar, discutir, dialogar, crear, revisar, decidir, asesorar, deseñar, dinamizar, suxerir, idear, asumir, escoitar, promover, argumentar, unificar, actualizar, contrastar, sinalizar, aprender, confirmar, maquetar, confiar, arriscar, distribuír, informar, imaxinar, propoñer.

Etiquetas: Edición

Unha gran alegría: o meu admirado don Xosé María Álvarez Blázquez será homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008. Poeta, editor, historiador, divulgador e cronista da cidade de Vigo (entre outros moitos méritos) a figura de Xosé María recibirá por fin un merecidísimo recoñecemento nacional.
Autor de poemarios emblemáticos como Canle segredo e Cancioneiro de Monfero (neotrobadorista), de obras narrativas en galego como A pega rabilonga e outras historias de tesouros; biógrafo de Alexandre Bóveda; editor e estudoso da obra de Martín Codax; creador das Edicións Monterrey e de Edicións Castrelos (a editora da mítica colección dos libros do Moucho); autor de La ciudad y los días. Calendario histórico de Vigo (un dos meus libros de cabeceira), libreiro da Libraría Anticuaria da miña rúa natal (a quen tanto lle debo a miña afección polos libros), membro da xínea dos Álvarez (a quen tanto admiro), autor de Roseira do teu mencer (quizais o primeiro poemario da poesía infantil en galego) a figura moralmente hercúlea de Xosé María (pai dos escritores Xosé María, Alfonso e Celso e da pintora Berta Álvarez Cáccamo) con seguridade axudará revitalizar e a popularizar a celebración do 17M.
Na actualidade a súa obra, coa excepción da nosa edición de Roseira do teu mencer, dificilmente se pode atopar nas librarías. A súa obra poética galega completa está recollida nun volume que publicou Xerais nos anos oitenta (hoxe totalmente agotada). Con motivo da Biblioteca 120 de La Voz de Galicia, preparamos en Xerais unha edición de Canle segredo. Sobre a súa figura existe unha biografía, preparada polo seu fillo Alfonso, editada hai anos por Ir Indo edicións, ademais de testemuñas no libro de conversas con Darío Xohán Cabana (o poeta chairego traballou man con man con Xosé María en edicións Castrelos, sendo un dos mellores coñecedores da súa figura) que publicaremos nas próximas semanas. Curiosamente, non existe aínda ficha de don Xosé María na BVG, sendo, en xeral, moi incompleta a información electrónica existente ata agora. Eivas biobliográficas que coa excepción do seu libro de contos inédito, Os ruíns (perdido cando ía ser publicado por Casal), serán cubertas sobradamente nos vindeiros meses.
A AGE puxo o nome de “Xosé María Álvarez Blázquez” ao seu Premio Autor do ano, recoñecemento que ata agora recaíu en Ferrín (2005) e Manuel Rivas (2006). Así mesmo, a Sala de Lectura da Biblioteca Central de Vigo, tamén a proposta da Asociación Galega de Editores, recibiu o seu nome sendo alcalde de Vigo Manuel Pérez. A cidade de Vigo homenaxeouno dándolle o seu nome a un paseo e colocando unha praca de bronce que lembra onde viviu.
Os meus parabéns para a Academia por escolla tan acaída. Teremos oportunidade de falar de vagar nestas brétemas de don Xosé María.

Fantástico o pregón de Fran Alonso que inaugurou a Feira do Libro de Vigo. Utilizando a estrutura do relato da araña que danza na arañeira, Fran debuxou de forma brillantísima a estrutura da cadea de valor do libro como ben cultural primeiro. Detívose de forma valente en denunciar a indixencia bibliotecaria viguesa (diante do alcalde, concelleiro de Cultura e director Xeral de Creación Cultural, que nas súas retóricas intervencións posteriores, calaron de forma moi significativa sobre tema tan principal). Beizóns merecidísimas para Fran Alonso. Un pregón memorable.

Etiquetas: Fran_Alonso

Continuando a estela iniciada por Angueira, hoxe aparece o relato de Teresa Moure. É precioso. Boa lectura!
A iniciativa de Vieiros, “Onde sempre é bosque, de ofrecer doce relatos doutros tantos narradores e narradoras contemporáneos de noso para facer unha devesa de palabras contra o lume é sinxelamente brillante. Beizóns!

Etiquetas:

Patrimonio inmaterial

bretemas —  29 de Xuño de 2007

Quedamos moi agradecidos por este recoñecemento de Ponte nas Ondas.
O traballo dos editores educativos é moi duro e poucas veces alguén o agradece. O noso compromiso coa promoción do patrimonio inmaterial (o folclore infantil e a nosa tradición literaria oral) ven de vello e constitúe un dos eixos programáticos do noso proxecto editorial. Grazas mil, pois, a Ponte nas Ondas.

Etiquetas: