Está vendo o arquivo da categoría » Abril 2007

Campo do Fragoso XXXIX

bretemas —  30 de Abril de 2007

O GLOBO DESINCHOU
A debacle diante do Mallorca demostra que o problema do Celta non era Vázquez, non. O globo da euforia provocado polos abrazos e a sintaxe fragmentada do simpático Stoichkov nas salas de prensa (que tanto ilusionou aos detractores do serio adestrador galego) serviron só para gañar ao Coruña. Porén, o partido de Zaragoza e, sobre todo, o de onte devólvenos a crúa realidade da situación agónica dun equipo que, na fase decisiva do campionato, carece de xogadores e de estratexia táctica solventes para atuar a rivais da súa mesma categoría. O Mallorca resolveu comodamente o partido nos primeiros vinte e cinco minutos. Abondoulle con plantarse con orde sobre o terreo, deixando que un incansable Ibagaza (que fixo o que quixo cun solitario Oubiña) empuxara a Jonás Gutiérrez e Arango sobre unha defensa e unha portería célticas que en cada ataque se desparramaba coma a manteiga. Inevitablemente, así chegarían os dous primeiros goles dos vermellóns, sen que os celestes amosaran capacidade ningunha de reacción. Coa reanudación e diante de tan contundente pallona, Stoichkov apostou por volver á fórmula tradicional de Vázquez, o dobre pivote, dando entrada ao conflitivo Pablo García (rifa ata cos seus propios compañeiros), o que supuxo un certo repunte do xogo atacante dos galegos que malograron algunhas oportunidades claras para acurtar a diferenza. Un espellismo que durou apenas dez minutos. Notouse, entón, a falta de Baiano e as escasas alternativas de remate deste equipo impotente que se precipita, se non o impide un milagre, cara á segunda división. O globo de Stoichkov (onte outro desesperado espectador máis) picábase coa mesma facilidade coa que foi inchado artificialmente pola xunta directiva celeste. Con estes vimbios tan endebles pode evitarse aínda o descenso? Unha pregunta que deberían responder o director deportivo Félix Carnero e o presidente Carlos Mouriño.

Etiquetas: Celta_de_Vigo

Entrevistas a Agustín Fernández Paz

bretemas —  29 de Abril de 2007

Volve actualizarse o web de + Internet + Galego + Futuro (formidable!). Entre os moitos contidos de interese atopo esta entrevista con Agustín Fernández Paz. O autor de Cartas de inverno aborda o papel de Internet para a lingua e para a nosa creación literaria e confésase “vicioso dos blogs” e usuario de Skype. Ademais, esta fin de semana, Agustín ten outra entrevista na sección “Os favoritos” de Culturagalega.org (con recomendacións de blogs e webs moi intereantes). Dúas pezas para compartir.

Non hai dúbida ningunha que, despois do éxito de vendas e lectores, a recepción da crítica d’ Os libros arden mal tamén está sendo apabullante. Onte, nun mesmo día, recibiu outros senllos premios, o Losada Diéguez de creación e o da Crítica Galicia (a crónica dende dentro do xurado de Marcos Valcárcel é moi significativa do que alí pasou).
Estes dous novos recoñecementos únense ao premio Ánxel Casal 2006 dos editores, ao Irmandade do libro 2007 dos libreiros galegos, ao Premio da Crítica 2007, ao Premio do Gremio de libreros de Madrid e ao Premio Cálamo 2006.
Novos parabéns para Manolo que hoxe está na Feira do libro de Bos Aires (con importante presenza nos medios porteños) presentando novela tan premiada e recoñecida.

Entrevista con Rivas en Vieiros, realizada por Débora Campos en Bos Aires.

Crónica de Fíos Invisibles da presenza de Manolo na Feira do Libro de Bos Aires e na Federación de Sociedades Galegas. Lectura moi recomendable.

Etiquetas: Manuel_Rivas

De Sant Jordi ao 17 de maio

bretemas —  29 de Abril de 2007

No artigo da semana fago unha crónica da experiencia do Sant Jordi 2007 e pretendo sacar algunhas experiencias que se poderían aproveitar para as nosas Feiras do Libro, Culturgal e 17 de maio.

Etiquetas: Artigos

Mario Regueira: "L' affiche rouge"

bretemas —  28 de Abril de 2007

Hoxe Rubén publica unha magnífica anotación arredor de Rebelión no inverno, o primeiro libro de Mario Regueira. Dentro duns poucos días aparecerá nas librarías L’ affiche rouge, novela da que agardo moito se falará na rede. Hoxe adiantamos a cuberta.

Actualización (01-05-2007): Adiantamos o texto de contracuberta da novela, preparada a partir dun texto do propio autor:

L’ affiche rouge narra a chegada ao mundo adulto de varios mozos nacidos ao abeiro da transición política. Os personaxes enfróntanse a un contexto onde a conquista da esperanza é só o principio de toda loita política ou persoal, e a súa propia identidade colectiva representa un problema que hai moito tempo ficou sen resolver polas xeracións precedentes.
L’ affiche rouge é o retrato dunha xeración que vai ao encontro dunha realidade que non é a prometida, senón un mundo onde a propia identidade persoal é sometida a constantes negacións e agresións nun contexto globalizado e xerarquizado. Os protagonistas adoptarán unha serie de posturas distintas que van desde a completa inhibición até unha revolucionaria e gozosa celebración da diverxencia. Entroncando coa tradición do bildungsroman, ou novela de aprendizaxe, os personaxes atópanse inmiscuídos nun proceso de formación do que o fracaso e a ausencia dos referentes agardados é unha constante.”

Etiquetas: Mario_Regueira