Está vendo o arquivo da categoría » Outubro 2006

Avós e avoas

bretemas —  31 de Outubro de 2006

Entre as fotos que conservo no estudio, teño moito afecto por unha pequena, xa envellecida, na que aparezo co meu avó Suso “Beleiro” na festa de santa Ana. Polo pantalón tan curtiño, o nique e os campins que levo penso que debe corresponder ao verán do ano sesenta e cinco ou quizais do sesenta e seis. Un fotógrafo de festa, daqueles aos que se lle pagaba na man e logo mandaban o retrato a casa, deixoume para sempre a imaxe feliz do meu avó materno, un humilde ebanista de Mantelas, que nos contaxiou a todos os netos o formigo inquedante por participar nas romaxes do Vigo popular.

Volvín á imaxe do meu avó carpinteiro, cando lin o informe da secretaría de Política Institucional de CC.OO sobre o papel dos maiores de sesenta e cinco anos no coidado dos nenos. Un estudo que constitúe unha nítida radiografía de cómo se organiza a vida cotiá das familias traballadoras e que demostra que as avoas e os avós xubilados (máis de seis millóns en España) teñen un papel decisivo na atención diaria dos netos. Así, un setenta por cento de avós e avoas con netos de 0 a 3 anos ocúpanse diariamente deles (máis da metade na casa da avoa materna). Un oitenta por cento coidan dos nenos durante as horas posteriores á saída do colexio (máis do cincuenta por cento na casa da avoa materna). Porcentaxes que son moi semellantes cando caen enfermos ou cando teñen vacacións (nada máis e nada menos que o setenta e cinco por cento, o que demostra que a maioría dos pequenos “veranea” en casa dos avós). Un informe que proporciona outros datos para a reflexión e que amosa ás claras que para un oitenta por cento das nais traballadoras menores de corenta anos a axuda dos seus pais no coidado dos fillos é “importante”, sendo “imprescindible” para un trinta e sete por cento das menores de trinta anos.

Cifras, con maior ou menor grao de fiabilidade, que demostran, sen embargo, o feito innegable de que esta intensa solidariedade interxeracional é a que esta facendo posible a incorporación da muller á vida laboral e que as familias poidan saír adiante. Os avós, singularmente as avoas maternas, son a opción que deben escoller as nais traballadoras que non poden pagar a contratación doutra persoa para coidar aos seus fillos. Cando as familias modificaron a súa estrutura e dimensión –cada vez son máis reducidas, diversas e inestables– as avoas convertéronse na peza mestra da política asistencial á infancia.

Os avós e as avoas posúen un papel decisivo na densificación da identidade e cohesión da familia: son creadores de harmonía e memoria vivificada. Os avós e as avoas influén na conformación da personalidade dos netos proporcionándolles, nalgúns casos, outros modelos de comportamento emocional ou espellos doutros costumes de vida (dende a alimentación ás actividades de lecer), constituíndo, sempre, unha referencia valiosa na construción do criterio moral do neno. A súa vez, os avós neste contacto cos pequenos, alén do valor da transmisión da memoria e das raíces identitarias de cada grupo familiar, melloran a súa autoestima, xa que se sinten, a pesar das dificultades de lidar con eles, útiles e necesarios.

Este papel decisivo da presenza das avoas amosa, tamén, a pobreza de servizos que ofrece o noso actual estado do benestar e as disfuncionalidades do noso sistema educativo. Sen desmerecer a axuda que están proporcionando as persoas maiores, precísanse máis prazas públicas de escolas infantís para menores de tres anos, máis prazas para estancias de verán dos rapaces en campamentos ou granxas escola, máis actividades de lecer e animación nas cidades organizadas polo concello, un novo horario e calendario escolar máis flexible e extenso… Potenciemos as pegadas indelebles dos avós e das avoas sobre os seus netos e organicemos, tamén, unha sociedade interxeracional máis xusta e equilibrada.

Etiquetas: ,

Beizóns

bretemas —  31 de Outubro de 2006

Ferrín no Tortoni

bretemas —  31 de Outubro de 2006

Recomendo moi vivamente a crónica de Fíos invisibles sobre a tertulia que mantivo Méndez Ferrín no Café Tortoni, coincidindo coa viaxe á Arxentina e Uruguai da conselleira Ánxela Bugallo. Un documento valioso, onde o grande mestre fala de moitas cuestións de actualidade da política galega e da nosa creación literaria.

Etiquetas: , ,

Proxecto-Edición, A Feira

bretemas —  30 de Outubro de 2006

A Feira do Proxecto-Edición é unha moi boa iniciativa á que, despois da celebración da súa primeira edición esta fin de semana, aínda lle queda moito treito para consolidarse como cita de encontro da edición artística e alternativa e do mundo do deseño. Na miña visita comprobei que o mellor son os contidos expositivos, sexa polo interrogador e o orixinal dalgunhas propostas da chamada edición “alternativa” como pola calidade dalgunhas publicacións, especialmente Entre-cruzar, a publicación da feira. Porén, o máis decepcionante foi a abraiante falta de público na Feira (apenas uns centos de persoas cando eu estiven), quizais provocada por unha deficiente política de comunicación dos organizadores e, seguramente máis, pola inercia dos nosos medios de comunicación para alertar sobre estas iniciativas.
A mesa redonda na que participei o domingo sobre a distribución da edición comercial foi para min, tamén, un chisco incómoda na medida en que alí se volveron a repetir moitos prexuízos sobre o estado actual da edición. Non acredito na diferenza entre editores independentes (supostamente libres) e comerciais (supostamente amordazados) na medida que todos dependemos da recepción dos nosos produtos por parte dos lectores. Outra volta, seméllame máis operativa a diferenciación que Giulio Einaudi, como sinalou moi acertademente Víctor F. Freixanes, estableceu entre editores de cultura e editores de mercado.
Compracerse na diletancia dunha suposta edición independente, á que nada lle importan os resultados comerciais dos seus produtos e a súa visibilidade no mercado global, é, para min, xa moi pouco defendible. Aproveitarse das posibilidades da nova textualidade electrónica ou dos mecanismos da impresión baixo demanda son camiños que tanto os chamados editores independentes (ou “alternativos”, como a eles gusta denominarse) como os editores tradicionais debemos saber explorar para promover unha edición cultural.
Agardo que en vindeiras edicións esta Feira, moi ben arranxada nos seus aspectos técnicos, colla maior pulo entre o público interesado no mundo do deseño, da arte, das publicacións periódicas e, en xeral, no mundo do libro. Para os editores galegos foi unha boa proba de cara á preparación do do Culturgal no mesmo recinto e que pretendemos celebrar no mes de maio de 2007.

Etiquetas: ,

Campo do Fragoso XXV

bretemas —  29 de Outubro de 2006

TRASTORNO CICLOTÍMICO
O Celta desta tempada padece en Balaídos un preocupante trastorno ciclotímico. O conxunto de Vázquez alterna os partidos euforizantes –eis as súas grandes actuacións contra o Barcelona e o Valencia– con outros de nivel anímico depresivo, como sucedeu contra Osasuna e hoxe diante dun Sevilla máis entusiasta que acertado. Sen apenas solución de continuidade e con escasos indicios razoables, os celestes son capaces de pasar do electrizante xogo da serpe de hai quince días a manter un ritmo de partido insulso e desconectado da realidade dunha competición moi esixente. A pesar de ter a fortuna de poñerse moi cedo por diante no marcador, o Celta deixou o control do xogo aos andaluces, un equipo moi ordenado e con moitísimo perigo de medio campo para diante, o que permitiu que Navas e Poulsen mandasen a pracer no centro do campo. Desta guisa as oportunidades sevillistas foron multiplicándose e, a pesar da enorme actuación de Pinto, apareceron, tamén máis tarde, os goles. O caprichoso Fernando Baiano, nunha tarde na que a maioría dos celestes deixaron o corazón na caseta, nin sequera foi capaz de aproveitar un penalti moi dubidoso sinalado nos derradeiros minutos; cumpriuse así a profecía non escrita de que aquelas faltas máximas que non o son, moi poucas veces se marcan. A derrota, pois, foi merecidísima e inapelable noutra xornada na que o Celta amosou o seu perfil máis depresivo. Racionalmente, a explicación a semellante decepción podemos atopala nas ausencias no conxunto inicial de Lequi (algo incomprensible) e, sobre todo, de Borja Oubiña, ese valor discreto que lle proporciona ao equipo a consistencia defensiva e o equilibrio de xogo que precisa o Celta de Vázquez para funcionar. Agardemos que Borja se recupere canto antes para volver remontar.

Etiquetas: ,