Está vendo o arquivo da categoría » Xuño 2006

Updike en galego

bretemas —  28 de Xuño de 2006

John Updike nunha polémica carta, escrita con motivo da celebración da última Book Expo de Washington, apupou aos asistentes lembrando que “vosoutros libreiros sodes o sal do mundo do libro”. O veterano narrador norteamericano defendeu o papel tradicional do autor e do libreiro e criticou un futuro dixital composto de descargas gratuitas de libros mesturados con “anacos de textos”, fenómeno que cualificou de horroroso. Este dilema sobre o papel da edición dixital vaise converter no eixo do debate sobre o futuro da edición.

Coincidindo con esta polémica, aínda cando non a coñeciamos, contratamos a súa última novela para publicala en galego o vindeiro ano.

Etiquetas: ,

Marta Mata

bretemas —  27 de Xuño de 2006

Faleceu Marta Mata, a grande impulsora da renovación pedagóxica catalana e defensora da escola pública. Os membros dos MRPs, os ensinantes que nos vencellamos no proxecto da escola galega das pombas debémoslle moito a esta mestra de escola e mestra de mestres, con moi boas amizades en Galicia.

Tiven a oportunidade de coñecela personalmente hai vinte anos nun encontro preparatorio do Congreso de MRPS celebrado na súa casa de can Garriga ao que acudín con Antón Costa. Sempre lle tiven lei a dona Marta pola súa afouteza inquebrantable na defensa da dignidade da profesión e pola súa profunda convicción nas posibilidades de transformar a sociedade dende o traballo pedagóxico comprometido. Unha grande perda.

Etiquetas: ,

Librarías en liña

bretemas —  27 de Xuño de 2006

Código Cero ofrece unha completa reportaxe sobre as librarías en liña, os espazos de comercio electrónico especializados no mundo do libro. Afortunadamente o libro galego foi gañando un oco neste eido tan difícil, especialmente polo funcionamento modélico de Andel que, dende Vigo, serve libros na nosa lingua aos cinco continentes.

Etiquetas:

En defensa da lectura

bretemas —  27 de Xuño de 2006

Ando estes días preparando o pregón da Feira do Libro de Vigo do vindeiro venres. Pretendo enfocalo como unha defensa da lectura e do oficio de libreiro. Procurando documentación atopei estes catro traballos de defensa da lectura ou estoutras reflexións sobre o traballo de libreiro.

Etiquetas: ,

Os oitentas de Virxilio

bretemas —  26 de Xuño de 2006

Xa me tarda en poder visitar a exposición antolóxica de Virxilio, inaugurada esta tarde en Compostela. O xenio do Cumial é un dos meus pintores preferidos, sexa polas formas sinuosas das súas mulleres campesiñas e emigrantes, for polas súas paisaxes elementais ou pola potente caligrafía que inmortalizou nas capitulares da Enciclopedia Gallega.

Estes douscentos cadros é unha retrospectiva ben importante. Alí acudiremos.