Está vendo o arquivo da categoría » Maio 2006

Libroclip

bretemas —  31 de Maio de 2006

Vía Catuxa e Txetxu coñecín esta marabilla brasileira de promoción do libro. Moito que aprender.

Etiquetas: ,

Xeración blogueira

bretemas —  31 de Maio de 2006
Acredito na intuición de Jaureguizar e Folerpa. Os narradores blogueiros arrasan nos premios literarios deste 2006. Penso que non se trata dunha casualidade nin dunha moda. Confirmarase, tamén, nos tres premios Xerais? Agardemos apenas unha semaniña.
Etiquetas: , ,

"Volver" e Non volvas"

bretemas —  30 de Maio de 2006

Lendo este comentario de Arsenio Escolar, veume á cabeza a intertextualidade estrutural e temática que percibín entre Non volvas, a novela de Suso de Toro, e Volver a película de Almodóvar recentemente premiada. Esta aparente coincidencia será unha paxarada miña? Unha boa oportunidade para reler a novela de Suso.

Como se non existise

bretemas —  30 de Maio de 2006

Jaureguizar denuncia a invisibilidade á que foi sometida a tradución para o galego dende o serbo-croata da máis coñecida novela de Slavenka Drakulic. Moitas veces témonos lamentado do escaso número de traducións para a nosa lingua, feito que amosa a fraxilidade do noso sistema literario; aínda que afortunadamente os editores seguimos teimando, dentro das nosas posibilidades neste difícil camiño, a invisibilidade para a crítica e para o mercado de magníficas traducións como esta de Jairo Dorado Cadilla é un feito que debe obrigarnos a reflexionar. A colección “As Literatas“, que dirixe María Xosé Queizán, con máis dunha ducia de títulos excelentes de narrativa escrita por mulleres é un proxecto de colección de tradución que merecería maior atención por parte dos mediadores da que ata agora veu recibindo.

Cambios na AGE

bretemas —  29 de Maio de 2006
Hoxe na asemblea da AGE decidiuse que as eleccións para elixir nova Xunta Directiva serán o luns 19 de xuño. Miguel Anxo Fernán Vello, o noso presidente, amosou o desexo de entregar a testemuña a un novo equipo. Os que colaboramos estreitamente con el, durante estes dous anos de intenso traballo, non podemos máis que agradecerlle a súa xenerosa dispoñibilidade e o seu talento diplomático que permitiron elevar a unidade, autoestima e a profesionalidade do gremio de editores galegos. A normalización do traballo da asociación nunha cultura de transparencia e diálogo, a intensa participación dos editores na elaboración do anteproxecto da lei do libro, a colaboración leal con outras entidades profesionais do sector, o inicio dunha política de proxección do libro galego no exterior, a mellora da información sobre as actividades do sector, a celebración dos Simposios do libro e a da lectura e da Noite da edición son algúns dos éxitos da xestión de Fernán Vello, moi valorada por todo o sector da edición.
O novo equipo de dirección da AGE, que, con respecto ao actual, será moi renovado, deberá facer fronte a importantes retos, singularmente a atopar unha alternativa viable á modalidade de préstamo do libro escolar e a poñer en marcha o Salón do Libro e da Industria Cultural, unha ambiciosa plataforma de promoción da nosa produción cultural que se pretende celebrar cada ano en Pontevedra no mes de decembro. Para os que sexan elixidos o 19 de xuño, os mellores éxitos, que serán os de todos os editores galegos.
Etiquetas:,