ORGULLO CELESTE
Os dous mil celtistas arrecunchadiños nas bancadas de Riazor vivimos o sábado o partido máis feliz e emocionante que esta tempada ofreceu o equipo noso. Desta volta os celestes non se viron intimidados pola perigosa atmosfera do nordés que alí bate tan forte. Pola contra, saíron moi concentrados para conter con paciencia e disciplina defensiva as perigosas turradas iniciais dun Coruña decidido a procurar a vitoria que como auga de maio aliviase as dores da súa frouxa tempada. A modiño e con moito tempero, os de Fernando Vázquez foron desfacendo o nobelo dun derbi moi áspero. Grazas a unha defensa atacante moi sobria e elegante, aos límites da perfección, o Celta comezou a recuperar balóns no medio campo e a apuntar con perigo á porta dos Riazor Blues. Así chegou o gol máxico de Silviña, tras un oportuno remate dun Baiano moi implicado e batallador ao longo de todo o encontro. Co vento a favor e tras os oportunísimos trocos da segunda parte, o Celta abraiou aos locais cos seus continuos contragolpes e cambios de banda. Borja Oubiña –situado por vez primeira como atacante, por diante dos medios centros ocasionais– amosou nun par de xogadas extraordinarias que posúe, ademais de capacidade de recuperación defensiva, tamén o don do pase preciso (algo propio só das figuras). Nunha das súas alancadas proporcionou un servizo de ouro a Perera que non dubidou en noquear os coruñeses. Tras unha década de desgustos, este gran conxunto de Vázquez recuperou para o Celta a hexemonía indiscutible no futbol galego. Un día de orgullo e de competitiva ledicia para os seareiros celestes que ben sabiamos que non hai mal que dez anos dure.
Magnífico o artigo de Alba Nogueira. Ten moita razón na necesidade de “crear e fortalecer unha industria que, normalizadamente, dispoña de libros, discos, videoxogos, películas ou actuacións teatrais ou musicais en galego que favorezan a socialización en galego das nenas e nenos”. Para afrontar o proceso de regaleguización dos nosos pequenos é imprescindible tanto unha nova política lingüística na escola (mañá falaremos dela) como o apoio decidido á industria cultural que ofrece produtos para os pequenos cidadáns. Recomendo vivamente o artigo.
Vídeos dos oitenta
/en Música /por bretemasNesta páxina pódese atopar unha boa mostra de vídeos de música dos oitenta (Agradecidos, Pedro). A verdade é que non está todo e hai moita paxarada, mais, fedellando aínda se poden atopar cousas ben xeitosas. Entre tanta ramallada atopei aos meus amigos de Siniestro, tan noviños que non puiden evitar publicalos.
Feira do libro de Compostela
/en Eventos /por bretemas Hoxe subimos o adianto d’ As inxurias da guerra, o novo ensaio de Xosé Luis Barreiro Rivas. Un libro moi traballado no que se recolle a crónica da guerra e dos conflitos políticos internacionais dende o 11-S. Creo que vai sorprender moito. Estará nas librarías galegas na primeira semana de maio.
Abril sempre
/4 Comentarios/en Efemérides /por bretemas
Pechou Galí
/11 Comentarios/en Librarías /por bretemasCando camiñaba cara á presentación quedei magoado ao comprobar que a Libraría Gali pechara. Apagou este prodixio, a libraría máis antiga de España sen remodelar, que sobrevivía intacta desde 1872 no número 66 da rúa do Vilar. Apenas un carteliño no escaparate indica o traspaso do local. Como editora e libraría hai xa algúns anos que perdera pulo, mais aínda conservaba o encanto melancólico do seu magnífico escaparate e as súas vitrinas exteriores que tanto nos ensinaron durante os anos de emerxencia do libro galego. Hai seis anos, en Lugo pechara Alonso, a libraría da praza do Campo, fundada en 1863. As dúas eran as máis antigas de Galicia. Alá foron.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é editor e mestre. Na actualidade, profesor do CEIP Lope de Vega de Vigo, foi Director Xeral de Edicións Xerais de Galicia S.A., dende o mes de xaneiro de 1994 ao de abril de 2018, empresa na que traballou dende 1990.