Entrevista Teresa Moure

Recomendo a lectura da completísima entrevista que Vieiros publica con Teresa Moure. Entre outras, tomei nota das seguintes afirmacións que entendo moi interesantes:

  • A muller na literatura engade o seu punto de vista alternativo.
  • Escribo para darme pracer. Chamáronme do Consello da Cultura Galega para falar sobre os premios, e fun alí a dicir que qué é iso de que os escritores teñen que ser máis importantes na sociedade ou son os electricistas máis importantes por facer o seu traballo. Hai neuroses que teñen que saír de dentro e coa escrita é máis doado. Escribo porque me gusta.
  • O normal é falar moitas linguas pero non con corrección absoluta.
  • Eu son unha feminista que non fai explotación da muller pola muller. Antes de vir á entrevista fixen unha hora de limpeza, tocaba fregar as escaleiras. Algo que non soporto das feministas da igualdade é que teñen grandes postos de traballo e servizo doméstico. Aínda sendo unha cirurxiá que non pode levar os fillos á escola porque ten que operar non acepto que lle pague a outra muller para que llos leve. E quen leva os fillos desa outra muller á escola? Coido que é moi importante a ética dos coidados e compartir responsabilidades. As baixas por maternidade para homes son unha falacia. Que é iso de que teñen o mesmo dereito que a nai? Quen pariu é a muller. Quen ten que repoñerse e aprender a querer ao fillo, e aceptalo é a nai.

Campo do Fragoso XIV

VITORIA CÓMODA
A estas alturas ninguén pode negar que o Celta está facendo un grande campionato. Seguros das súas posibilidades e con superioridade técnica sobre a maioría dos rivais, os de Vázquez obtiveron onte unha das súas vitorias máis cómodas diante dun Cádiz moi frouxiño, que só amosou algún perigo nos vinte primeiros minutos. Sen modificar o seu esquema de xogo, Fernando introduciu tres cambios no seu conxunto habitual, que supuxeron un auténtico revulsivo para proporcionar maior seguridade defensiva e, tamén, máis capacidade de control no medio campo. A entrada de Contreras no eixo da defensa e do xove Daniel De Ridder na media banda dereita, os dous xogadores celestes máis destacados, facilitaron un mellor trato da pelota e unha maior solidez no medio do campo para abortar os tímidos contragolpes gaditanos. Contreras reivindicou a súa volta á titularidade participando nos dous goles celestes: no primeiro, aproveitando de cabeza o magnífico lanzamento de Larena, que enviou xusto ao escuadro un golpe franco; no segundo, realizando unha enorme asistencia a Silviña, tras recuperar a pelota no medio do campo e desbordar por velocidade a dous contrarios. Pola súa banda, De Ridder, aliñado de saída por vez primeira, revelouse como un perigoso centrador, ao tempo que un disciplinado traballador en labores defensivas, o que permitiu que Ángel colaborase máis activamente con Oubiña no control do seu eido. Cambios, pois, eficaces que amosan dutilidade e novas posibilidades para un conxunto que entrou xa de cheo na difícil loita por conseguir unha praza europea. Para os celestes, onte comezou unha nova liga.

Un país digno

A raíz do meu comentario sobre o 23-F recibo por correo unha aclaración dun meu amigo que me parece moi significativa e que moito agradezo. Transcríboa tal como a recibín:

Nestes días de repaso á memoria lin moitas tonterías e nimiedades sobre o 23-F. Non lin que en todas as nosas cidades, houbo unha “defensa” civil dos concellos. Durante toda a noite foron ocupados polos concelleiros e militantes de Unidade Galega, penso que a iniciativa foi daquela coalición, case podo aseguralo, tería que confirmalo Camilo ou Carlos Vázquez, e estivemos acompañados polos compañeiros do Bloque e algúns do PSdeG. Fixémolo de modo consciente, era unha resistencia simbólica, mais militante. E non puiden evitar lembralo cando repasei o que ocorreu no 36, cando tamén os concellos foron o lugar da resistencia civil, ao menos na miña cidade. A iso da unha da madrugada chegaron diante do pazo de Raxoi unha columna de artillería dirixida polo gobernador militar da praza, comandante Bermúdez de Castro (que fora prácticamente obrigado polos seus oficiais a sumarse ao golpe) e recibiu as chaves do Concello, que deixara Anxel Casal había uns minutos, de mans do xefe da policía municipal, Vez Quijano. Este sería un dos que asasinou uns días despois a varias persoas, entre eles a Alonso Puente, “Nécoras”.
Volvendo ao noso 23-F, logo que fracasou, o día despois a iso das doce do mediodía o entón alcalde, Souto Paz, recibiu unha chamada telefónica: “le habla el mando militar de esta plaza, a partir de este momento le devuelvo el mando de la plaza”.
Con isto quero dicir que frente ás estupideces e ás trivialidades que levo oído e lido estes días, aquel golpe era verdadeiramente un intento de repetición do que desencadenou a Guerra civil española. Só non lle podían temer os políticos da dereita, eles non habían ser sacados das súas casas de noite polos fascistas, o resto tiñamos todos fundados temores. A pesar do cal na Galiza houbo xestos de resistencia e de dignidade civil que non foron rescatados para a nosa memoria. O cal paréceme gravísimo. Non sei o que fixeron en Madrid, mais nos nosos concellos esa noite existiu un país digno.

Sempre Rosalía

No artigo da semana e con motivo da celebración oficial, por vez primeira, do aniversario do nacemento de Rosalía, abordo as relacións da musa dos pobos coa cidade de Vigo.

Magasins

Esta tarde estiven durante dúas horas nun hipermercado francés. Curado das incomodidades de acudir a un espazo comercial ateigado de xente, foi este un exercicio moi útil para enfrontarse coa crúa realidade social e cultural na que vivimos. Non atopei nin un só letreiro, reclamo nin etiqueta na nosa lingua, nin sequera nos escasísimos produtos galegos á venda (empanada, bica gallega, quesos de tetilla, tintos gallegos…), cualificados como “regionales”. Iso si, os altofalantes emitían, de cando en vez, patéticos reclamos para atopar aos pais dunha neniña perdida, nun español agalegado fonetica e sintacticamente que non melloraría o novo embaixador vaticano.
A sección de libros –presidida por un impresionante expositor do novo Harry Potter (“Oferta: 5% de desconto”, unha falsidade, xa que estes descontos son os que autoriza a Lei do libro para as vendas ao contado)– reduce a oferta editorial a unha lamentable enxurrada de produtos editoriais presumiblemente de “boa saída” (confesións de Mila Ximénez e outras marabillas do xénero de libro clines). Outrosí sucedía coa música (grande lanzamento de Manu Tenorio) ou coa rancia sección de DVDs da serie B.
O máis chamativo que atopei foi unha oferta de Tulipán (500 gramos) a 1,75 € coa que agasallaban un minidicionario de inglés. Foi a primeira vez que vin na miña vida un libro retractilado exposto nunha cámara refrigerada. Unha auténtica xenialidade do responsable de mercadotecnia para alixeirar almacén.
Nunca fun partidario de demonizar a ninguén, mais non podo evitar o noxo que me producen estes xigantes franceses da distribución. Os nosos responsables políticos deberían ser conscientes que cada vez que lles conceden unha autorización de apertura están autorizando, tamén, estas prácticas tan escasamente normalizadoras e respectuosas coa nosa identidade e coa formación dos nosos cidadáns.
Sendo rigorosos, tamén, hai que dicir que outras cadeas (neste caso con máis dificultades para poder conseguir unha licencia en Vigo ou na Coruña) teñen un comportamento digno coa nosa lingua e coa distribución dos nosos produtos. Queixámonos amargamente de que os mozos non falan galego, cando o futuro da política lingüística tamén se libra neste difícil terreo do urbanismo e do comercio.

Dez anos de fantasía

Os dez anos de Vieiros son dez anos de fantasía colectiva. O seu editor, Lois Rodríguez (modelo de discreción e teimuda coraxe), e o seu equipo de profesionais demostraron que en Galicia tamén é posible vivir nun país normal, que emprega a súa lingua de forma orgullosa e asume sen complexos o tempo contemporáneo.
Vieiros, contra vento e maré, cun esforzo humano de xigantes, amosa que a proeza de facer xornalismo electrónico de calidade en tempos difíciles é posible en galego. Vieiros educounos a moitos na rede, guiounos nas descubertas e convenceunos, se eramos incrédulos ou tiñamos dúbidas, das posibilidades da súa nova textualidade e capacidade comunicativa.
É de xustiza recoñecer hoxe o esforzo e o valor dos pioneiros, especialmente de Daniel, de quen tanto aprendimos. Beizóns de corazón e longa vida para todos os que fixeron, fan e farán posible que continúe esta fantasía.

23-F

Onte cadaquén contou a súa experiencia daquela noitiña de infamia. De todos os relatos que lin o que máis me gustou foi o de sihomesi, tanto pola súa interpretación do acontecemento (unha parodia) como pola publicación completa da famosa lista.
Falar en primeira persoa do que aconteceu hai vinte e cinco anos demostra que para ninguén é doado facer este exercicio de memoria. Inevitablemente, queirámolo ou non, todos imos construíndo o relato das nosas vidas e facemos casar as pezas (os recordos) para que o conto sexa verosímil. Esta é a razón pola que algunhas persoas se expresan con maior discreción e obxectividade ca outras. Alá elas. Os lectores e lectoras xa valorarán.
Eu fixei na memoria aquela noitiña co recordo da dignidade de dúas persoas: o sociólogo Carlos Lerena e o meu amigo Camilo Nogueira.
O conto foi que os alumnos de quinto de Pedagoxía organizamos do 23 ao 27 de febreiro de 1981 a Primeira Semana de Educación, un conxunto de conferencias e debates arredor da Renovación Pedagóxica. Para iniciala, o luns 23, convidamos ao sociólogo da educación (falecido en 1983 nun accidente de tráfico), primeiro, a participar na facultade nun debate con Herminio Barreiro, sobre “Educación e loita de clases”, e, logo, a pronunciar unha conferencia no auditorio da Caixa de Aforros sobre “O oficio de mestre”. Cando estaba a punto de rematar o debate, un bedel da facultade veu nervioso a contar que no Congreso entrarán un grupo de gardas civís. A pesar do rebumbio que suscitou a noticia, os organizadores (ben aconsellados polo profesor Antón Costa) e o propio Lerena acordamos que non deberiamos mudar os nosos plans e marchamos para a Carreira do Conde onde, a partir das oito e pico, escoitamos a maxistral intervención de Lerena (logo publicada en galego no derradeiro número d’ As Roladas 2). O certo é que algúns dos meus colegas estaban escoitando a radio e cando anunciaron que Miláns del Bosch sacara en Valencia os tanques a rúa, a conferencia rematou en poucos minutos, sen espazo para pregunta ningunha.
Logo, fomos con Antón Costa ao local do noso partido, onde atopamos, nunha pequena oficina, a Carlos Vázquez e a Camilo Nogueira contactando coa nosa xente en diferentes localidades. Eles dous quedaron alí toda a noite e nós marchamos, bastante preocupados, para casa a escoitar a radio. Ao día seguinte, pola tarde, acordamos reanudar as actividades da Semana de Educación, na que tamén participaron Federico Martín Nebras, Pilar Benejam e Fabricio Caivano, todos os tres figuras destacadas da escola das pombas, causa que, dende entón, non abandonamos. Meses despois, topeime co 23-F en Colmenar, mais iso xa son historias de ardor guerreiro que non paga a pena nin lembrar.

A cociña do Entroido

Mañá presentaremos en roda de prensa A cociña do Entroido e San Xoán, o novo libro de Miguel Vila Pernas.
Este fillo do Valadouro é o escritor sobre cultura gastronómica máis importante co que contamos, tanto polos seus numerosos libros publicados como polo asombroso traballo que sobre temas literarios e gastronómicos ven realizando diariamente no seu magnífico blo. Colineta é moito máis que un almanaque gastronómico (que tamén), xa que constitúe unha auténtica enciclopedia do saber comer para saber vivir.
No libro que presentaremos mañá, Miguel inicia un proxecto de cociña estacional galega que publicaremos en dous volumes. Neste primeiro abrangue os seis primeiros meses do ano, desde as farturas de homenaxe ao porco (de cocidos e laconadas) e das larpeiradas do Entroido (filloas, marruchos, freixós –tres fermosos nomes para a mesma cousa–, orellas e bandullos) ata as sardiñadas e churrascadas do San Xoán. Un bo mollo de receitas, contextualizadas na nosa tradición (etnográfica e literaria) e na nosa historia, ao tempo que un bo número de reflexións sobre unha boa alimentación saudable e saborosa constitúen os eixos do libro.
O lanzamento do libro de Miguel coincide, tamén, co das novas edicións revisadas e actualizadas de dous dos nosos clásicos: O libro da empanada e Repostería de Galicia, ambos os dous preparados por Fina e Mariano, outros dous grandes expertos na cultura gastronómica de noso. Pensamos que estas datas de Entroido, cos seus excesos inevitables (o martes vindeiro temos o cocido anual da editorial), eran as máis axeitadas para o primeiro lanzamento da nosa edición gastronómica.
Agardo, expectante, os comentarios sobre a foto de cuberta. Na editorial provocou moita controversia o último debate no blo sobre unha das nosas portadas.

Ánimo, Juan!

Hoxe Juan explica a razón do seu silencio durante os últimos quince días. O blog deste betanceiro, instalado en Madrid, é un dos referentes de xornalismo na rede máis rigoroso e incisivo. Todos os nosos abrazos para el.