Entrevista con Luis Bará

Vieiros publica unha magnífica entrevista con Luis Bará, o Director Xeral de Creación e Promoción Cultural, arredor da declaración de 2006 como Ano da Memoria. Pode ter interese valorar as referencias que sobre esta mesma cuestión realiza, tamén hoxe, o ex-presidente.

Con Lorenzo Varela en Monterroso

O acto de onte en Monterroso foi moi orixinal e relevante. As dezanove alocucións sobre a figura de Lorenzo Varela, trenzadas coas actuacións musicais de Mini e Mero e Lorena Lores, teceron unha panorámica completa sobre a vida, a obra e a significación política e cultural do noso poeta do desterro.
Ademais das alocucións –algunhas moi notables, como as de Carlos Callón e Daniel Salgado (os dous oradores máis novos) ou o clasicismo de don Xesús (que rematou a súa peza de catro minutos exactos sobre “Lorenzo Varela e a revolución” cunha cita memorable de Ernesto Cardenal: “Somos soldados derrotados dunha causa invencible: a humanidade“)– foi importante, na clausura da xornada, o compromiso que amosou o presidente Touriño coa causa da recuperación da memoria do exilio e a potenciación da cultura de noso. Xestos coma este debemos recoñecelos con entusiasmo, xa que demostran que, efectivamente, vivimos nun tempo novo de esperanza.

Artigos sobre o préstamo e a política do libro

No artigo da semana tentei rcoller algunhas das reflexións que desde hai dúa semana vimos facendo arredor da cuestión da ampliación do préstamo do libros escolares e a educación de calidade. Víctor publica, tamén hoxe, sobre esta mesma cuestión un artigo moi clarificador. Editores e libreiros insistimos en enmarcar a gratuidade dos libros de texto dentro do marco da política xeral do libro galego. Velaí o reto para atopar un punto de encontro entre o sector e o novo goberno galego.

O libro e as Novas Tecnoloxías

A organización do Simposium sobre o libro e as novas tecnoloxías amodiño vai collendo forma. Pepe Carreiro enviounos esta proba do cartel. O programa está case ultimado. As persoas interesadas en inscribirse xa poden facelo.

Contra Maquieiro

Outra boa noticia: Ferrín entregounos esta mañá o seu novo poemario, Contra Maquieiro.
O grande mestre organizou estes textos, absolutamente inéditos, en catro grandes apartados:
I. “Contra Maquieiro” (o corpo de trinta poemas que dan título ao volume);
II. “Cuarteto con Alemaña” (catro poemas de verso moi longo);
III. “Ex Senectute” (seis poemas)
IV. “Profecía de Taramundi” (dezanove versículos, case prosas versificadas ao xeito bíblico).
O poemario constitúe unha revista ao século XX, dende a guerra de Cuba ata o seu remate. Velaí os tres primeiros versos do libro, que constituirá o número 10 de Xerais Poesía e aparecerá nas librarías galegas nos primeiros días do mes de novembro:

Dáme Razón un lóstrobo de sombra
pra eu ver a casa dos oprobios os lugares
cóncavos nos que o meu tempo fosforeceu

O heroe

Hoxe enviamos a filmar O heroe, a primeira peza teatral de Manuel Rivas, que será estreada o vindeiro día 15 de outubro no Teatro Principal de Ourense por Sarabela Teatro, coincidindo co vinte e cinco aniversario da creación da compañía ourensana.
O heroe está protagonizada por Arturo Piñeiro, alias Caronte, ex lexionario, ex boxeador coñecido como Robinson, quen atende a barra de La Boîte de Pandora, un bar portuario, onde se ofrecen combates de boxeo e loita libre, abertos e pechados cos fados que interpreta Lucía, a súa muller. Todo se axitará na penumbra do local coruñés coa presenza dos Homes de sombra e coa chegada agardada de Anna, a pintora, e de Lanzarote, o loitador antifranquista, vendedor de máquinas de escribir, que recita fermosos poemas de amor. Caronte arrastra o culto á pena de Marte, a forza daqueles que gabeando a ras de chan tentan non perder o temón da súa vida, demostrando que a resistencia contra a morte e o tirano aparece nos lugares máis imprevistos, sendo protagonizada polos seres que viven nas abas da vida, defendéndose coas verdades gardadas nos ósos das palabras.
O heroe, a primeira peza teatral de Manuel Rivas, escrita con trazos de ironía e dureza, sitúanos nun presente recordado, entre un episodio histórico do franquismo e a contemporaneidade, para mergullarnos nunha subversión do concepto de heroe como culto ao guerreiro. Esa falsa idea do valor que paira de novo sobre o noso tempo.
A edición d’ O heroe será presentada, coincidindo coa súa estrea, en Ourense na tarde do 15 de outubro.

Inmersión no ensino

O sempre interesante galego.org informa amplamente do contido das recomendacións da comisión de expertos do Consello de Europa sobre a aplicación en Galicia da Carta Europea das Linguas Minorizadas. Na listaxe de recomendacións, moi a ter en conta, salienta a da posibilidade de establecer un modelo de inmersión no eido educativo non universitario (semellante ao que funciona en Cataluña con éxito dende hai case dúas décadas); noutras palabras, o Consello de Europa está a recomendar a posibilidade de que os picariños e picariñas puidesen, dende a Educación Infantil, ser educados completamente nun modelo monolingüe galego.
Mágoa que a modalidade de inmersión lingüística no ensino, durante os gobernos Fraga, fose unha posibilidade que se rexeitou de raíz, aducindo a especificidade do modelo galego, acuñado como de “bilingüismo harmónico”. Todos apostamos por un modelo de galeguización educativa, que semellaba axeitado (sobre todo na utilización do galego como lingua vehicular de determinadas áreas), mais que, porén, non foi respectado nin potenciado como debera. Afortunadamente, esta importante recomendación europea abre de cheo o debate sobre un modelo de galeguización alternativo, sobre todo nas idades temperás, que permitiría recupera o pulo normalizador, nos últimos anos, tan atemperado na escola. Agardamos que a nova Secretaría de Política Lingüística, ademais de desenvolver o Plan de Normalización, aposte, tamén, por estudar novos vieiros (como o da inmersión temperá), para potenciar o fráxil proceso de galeguización do ensino.

Antoloxía de colofóns

Esta mañá o profesor Alonso Montero propúxome facer unha antoloxía dos mellores e máis atinados colofóns da edición galega. Sei que foi unha das súas brincadeiras, satisfeito como estaba pola chegada do novo libro que nos preparou para a homenaxe desta fin de semana.
A tradición do colofón das edicións literarias, que se remonta á creación da imprenta, non debería perderse. Esa anotación que se colocaba de forma caprichosa na última páxina impar dos libros para indicar o nome do impresor, lugar e data de edición, festividade do día ou algunha outra circunstancia é un sinal do coidado e do mimo que o editor puxo nas tarefas que lle son propias. Pegadas, pois, do traballo do editor, que se deixan para os que reconstrúen a historia e a memoria da edición.
Transcribo o magnífico colofón do libro que preparou Alonso Montero e que entendo merecería formar parte desa antoloxía:

Este libro Lorenzo Varela. Antoloxía (verso e prosa), saíu do prelo o 25 de agosto de 2005, sesenta e un anos despois da liberación de París da pouta nazi. Nesa data, Lorenzo Varela, no exilio de Buenos Aires, escribiu un aturuxo poético titulado “Ofrenda a los franceses”, poema no que tamén saúda ós guerrilleiros galegos que loitaban, na Galicia mártir, contra Atila, contra o Faraón das Españas.

Actualización (23-09-05): creo, sen fachenda, que estoutro colofón, da peza teatral de Manuel Rivas que enviamos hoxe a filmar, entraría, tamén, na posible antoloxía:

Este libro, O heroe saíu do prelo o día 9 de outubro do 2005, sesenta e oito anos despois de que na beiramar da Torre de Hércules foran pasados polas armas os quince antifascistas condenados polo intento de fuga dende Portiño, organizado polo Espertar Marítimo coruñés. Eran quince mozos valentes, quince heroes.
Négaronse a asinar a notificación de sentencia dun tribunal de covardes e caeron ás seis da mañá dando un viva á liberdade.

Gaiás e Nunca Máis

Moi atinada a proposta de Marcos Valcárcel na súa andoliña de hoxe.

2006, Ano da Memoria

O equipo da Consellaría de Cultura vai concretando os seus ilusionantes proxectos. Hoxe anunciou a súa intención de converter o vindeiro 2006 en Ano da Memoria, así como de crear nas illas de San Simón un Centro para a Memoria. Sinxelamente, magnífico!!!
O 70 aniversario do inicio da Guerra Civil debe converterse nunha homenaxe as vítimas da represión e nun alicerce dunha auténtica cultura da memoria roubada. Beizóns para a determinación de Luís Bará e da conselleira Ánxela Bugallo por medidas tan oportunas.

  • Actualización (22-09-2005):Faro dá conta da visita realizada polos responsables da Consellaría e das súas declaracións. Considero importante, ademais do programa de actividades, o levantamento dun monumento ás vítimas.