Está vendo o arquivo da categoría » Agosto 2005

País da esperanza

bretemas —  31 de Agosto de 2005
O pasado ano fomos visitar á familia nosa de Brasil. Estivemos onda eles en Cabo Frío, en Río e en San Paulo. Ningunha das viaxes que fixemos bateunos no corazón máis intensamente ca esta. Regresamos convencidos, por se tiñamos algunha dúbida, de que Brasil somos nós. Este é o país da esperanza, o espazo máis futurista da humanidade, onde a barbarie da insostenibilidade do modelo urbano dá a man en calquera recanto ás experiencias socialmente máis transformadoras que se están xerando. A lectura estes días das dúas atinadas e luminosas reportaxes de Josep Ramoneda encheunos de saudades que matamos escoitando os cedés que alí mercamos de Paulinho da Viola e Teresa Cristina.

Día mundial dos blos

bretemas —  31 de Agosto de 2005

Hoxe é o día mundial dos blos. Rogerio recompila as recomendacións para quen queira conmemoralo.

A importancia da creación cultural

bretemas —  31 de Agosto de 2005
Recomendo vivamente este artigo moi certeiro de Fernán Vello onde se reitera o carácter estratéxico da creación cultural para o país.

Números

bretemas —  29 de Agosto de 2005
Por coñecidos non deixan de abraiarme estes números que achega Sonia.

Campo do Fragoso I

bretemas —  29 de Agosto de 2005

DEBUT PROMETEDOR
Dous alustros de xenialidade foron suficientes para intuír que neste regreso do inferno da segunda podemos aspirar a volver gozar do xogo da serpe. Un xenial esquerdazo de falta indirecta de Gustavo López, a memoria daquel equipo que tanto nos fixo soñar, e un cacheirón de tiraliñas do batallador Baiano, tras outra subida veloz de Núñez, abondaron para noquear a un ordenado e teimoso Málaga. Porque o domingo gozamos máis coas marabillas que intuímos poden chegar no futuro que coa beleza do xogo que presenciamos. Durante a maior parte do encontro, a pesar de manter o debuxo táctico polo que apostou Fernando Vázquez (4-2-3-1), e coa excepción do derradeiro cuarto de hora, faltounos case sempre a pelota e o control do tempo de xogo, as dúas variables que fan a un equipo indiscutible gañador. Empregando este esquema, temos moito que mellorar no encaixe do xogo dos medios pivotes, onte Giovanella e Iriney (botouse en falta a Borja Oubiña), para proporcionar así maior solidez a defensa (a grande incógnita da eficacia do equipo) e permitir gañar terreo con maior facilidade á creatividade endiañada de Fabián Cannobio. Con todo, non temamos: o debut foi prometedor. Neste novo Celta intúese que hai moito talento e alternativas abondas para que os celtistas entoemos adoito en Balaídos a rianxeira.