Está vendo o arquivo da categoría » Xuño 2005

Visitas a San Simón

bretemas —  30 de Xuño de 2005
Mañá, o sábado e o domingo poden visitarse libremente as illas de San Simón e San Antón, onde celebramos este ano os premios. A Consellaría de Cultura pon un servizo de barco que sairá dende o peirao de Redondela. Unha boa oportunidade para todos os que desexen coñecer este territorio natural e da memoria.

A Casa das Mil Portas

bretemas —  29 de Xuño de 2005
Fedellando no blo de George Cassiel descubro o proxecto colectivo d´A Casa das Mil Portas, onde máis dun centenar de blogueiros portugueses e brasileiros publican os seus microcontos (unha historia en prosa contada con menos de cincuenta caracteres).
Recomendo moito esta viaxe que permite coñecer un mundo literario, incomprensiblemente, pouco frecuentado por nós. A navegación da páxina é moi amigable.
Esta experiencia podería ser emulada no noso bloogmillo?

Nova web da AGE

bretemas —  28 de Xuño de 2005
Este día tivo outra nova feliz: colgamos a nova web do gremio de editores galegos. A verdade que é todo un luxo este novo traballo de Acordar.

Palabras finais

bretemas —  28 de Xuño de 2005
O presidente en funcións non tivo hoxe reparos en citar as gloriosas palabras finais de Sempre en Galiza e en recitar uns versos de Ferrín para convidar aos galegos a “superar ese caduco lirismo”. Tarde piaches, Manuel!

Vai de mar

bretemas —  28 de Xuño de 2005
O luns, a viaxe de volta de Valencia foi bonita bonita. Cando pillei o taxi, que me levou ao aeroporto, souben pola radio do estado adiantado do reconto. Tiven que conterme para non abrazar ao condutor: por fin rematara o desacougo. Enriba das nubes a noitiña é moi luminosa e, canto máis nos achegabamos a Galicia, era máis doado apreixar pola ventá cada unha das raioliñas do tempo novo que conquistamos. Aterrando en Sal lembrei o verso luminoso de Salvador (“Nos teus ollos cargados de horizonte”) citado a primeira hora da tarde por Cristobal, o formidable bibliotecario de Camas, na súa ponencia sobre políticas da lectura.
Os membros da delegación galega xa fóramos moi mimados durante toda a xornada. As palabras de acougo e agarimo foron constantes e o aplauso, que pechou as intervencións de Pilar e Xosé na presentación ao mediodía de Vai de mar (A ilustración galega no século XXI), tan intenso e prolongado, que chegou a emocionarnos a todos. A exposición foi outro motivo de orgullo dun día que non esqueceremos.