Está vendo o arquivo da categoría » Maio 2005

Recibo a proposta da Asociación Cultural Ánxel Casal de Arzúa promovendo a candidatura de Ánxel Casal para que lle sexa dedicado o Día das Letras Galegas do vindeiro ano. Non nego a miña simpatía por esta proposta de homenaxear o máis grande editor galego. Transcribo o texto da proposta:
Ánxel Casal é a figura que máis fixo pola normalización do libro galego antes da barbarie que comezou en 1936. Nunha situación de cultura non normalizada como a que lle tocou vivir, as súas tentativas de constitución dun sistema editorial están relacionadas co proceso de construcción dunha literatura nacional.
Nacido na Coruña, fillo de pais arzuáns, Ánxel Casal tamén coñeceu a emigración. Primeiro en Boas Aires e logo en Francia. De volta atendeu a chamada das Irmandades da Fala ás que se afiliou en 1918 e converteuse nun dos seus membros máis activos. En 1924, con Leandro Carré Alvarellos fundou a editorial Lar e en 1927 el mesmo fundou a editorial Nós. Ademais das publicacións propias, todas relacionadas coa cultura e coa problemática xeral de Galicia, tamén imprimiu no seu taller o xornal A Nosa Terra, como órgano oficial das Irmandades da Fala, así como moitas outras publicacións.
En 1931 trasladouse a Santiago. Nun primeiro momento instalouse na casa taller de Camilo Díaz e dous anos máis tarde na Rúa do Vilar, 15. Os seus libros tiñan unha admirable calidade gráfica e entre os seus autores estaban moitos dos que actualmente son xa uns clásicos da Literatura e o ensaio galego:
Alcalde de Santiago en 1936, pagou coa propia vida o seu compromiso de amor a Galicia. Fillo de pais das terras de Arzúa, de Vilantime o pai e de Visantoña a nai, Ánxel Casal foi, pois, o primeiro elemento urbano dunha familia de orixe profundamente rural. E tanto é así que o hórreo, un hórreo tipicamente arzuán con dous cativos, é o emblema da editorial NÓS. Un hórreo cheo de millo cunha rapaza que le e un neno deitado á sombra, escoitando, representan os obxectivos de Casal e os dos seus compañeiros de xeración: pan e escola, mellora social, reforma educativa e cultura galega para todos.
Por todo iso, a Asociación Cultural Ánxel Casal de Arzúa promove ante diversas institucións, entidades, editoriais e persoeiros da cultura galega unha proposta dirixida á Real Academia Galega para que lle dedique ao editor Ánxel Casal Día das Letras Galegas, pois aínda recoñecendo a súa escasa obra literaria, de non ser por NÓS, Pubricacións Galegas e Imprenta é posible que algúns dos libros de autores clásicos da Literatura galega como Villar Ponte, Castelao, Otero Pedrayo, Risco, Cabanillas, Manuel Antonio, Amado Carballo.

Blo 0.0

bretemas —  30 de Maio de 2005
Cando Josito iniciará o seu blo? Debe andar cismando. Ánimo!!!

Diáspora

bretemas —  30 de Maio de 2005


Maruja Mallo, Muller con cabra

Recomendo a visita á exposición Diáspora do Marco.

Premios da Crítica Galicia

bretemas —  29 de Maio de 2005


Xosé Chao Rego e Antón Costa Rico

Levo asistindo aos Premios da Crítica Galicia desde hai máis de vinte anos. As mellores edicións sempre son as que coinciden en periodo preelectoral. Así sucedeu onte, onde todas as intervencións dos gañadores reclamaron abrir un tempo novo, chamadas á esperanza e ao inconformismo coa situación presente (referencias importantes que non vin en información ningunha dos medios, que se limitaron a reseñar as actas dos xurados).
Antón (co de onte, o seu libro xa acada tres premios) en Investigación, Pepe Chao (mágoa que se lle vexa cada vez máis abaixadiño) no de Ensaio, Luis Bará (o concelleiro de Cultura de Teucro) en Música, Farruco Bernal (en representación do equipo galego de Mar adentro) en Artes da representación, e o alcalde nacionalista de Vilar de Santos (promotor do Museo Etnográfico da Limia) en Iniciativas Culturais fixeron dunha ou doutra maneira referencias esperanzadas á necesidade de cambio político.
Mención á parte merece a categoría do discurso de don Xesús, nomeado Galego Egrexio, unha peza oratoria memorable; aínda que me chamou a atención a escasa presenza dos seus colegas, coa excepción de Axeitos, que lle fixo unha fermosa laudatio. O profesor está en plena forma e demostrou nun discurso lido (o que non acostuma) que continúa agudo, combativo e erudito coma sempre adoita.
Xa nos rexoubes dos pinchos, xente ben informada apuntaba a preocupación que en privado amosa o responsable da campaña do PP polos datos que proporcionan as enquisas. Semella que hoxe hai posibilidades reais para a alternativa.

Lamatumbá

bretemas —  28 de Maio de 2005


Lamatumba

Pedro Feijoo, o baixo de Lamatumbá, é o autor de Viva o furremol, un libro que publicaremos proximamente, onde se desmiuza desde dentro o mundo da música popular en Galicia. Hoxe, despois de revisar outra vez as probas, conclúo que se o sistema literario galego é complexo e difícil, dedicarse aquí á música é unha proeza para xente afouta. A de Lamatumbá tenche un talento especial con folgos arreo e coa alma do Cuco de Velle no peito; éche ben difícil mesturar con soltura rock, samba, reggae, ska cos ritmos de verbena como fan adoito. Unha marabilla. Estes ourensáns son o mellor antidepresivo que coñezo (se tivese que escoller cal é o tema que máis me aleda do disco novo, non sabería qué dicir, todos me prestan). Este verán van dar moito que falar (o seu directo é prodixioso). Lume e festa…!!! (que boa falta fai tal como che está o panorama).