Está vendo o arquivo da categoría » Abril 2005

Agustín en coreano

bretemas —  30 de Abril de 2005
Agustín envioume a edición do seu Skywalker en coreano. A edición da editorial Myung Jin Publication é unha marabilla: capa dura, sobrecuberta plastificada e verxurada ao tempo, ilustración abundante (choca como nos ven aos occidentais). Coa excepción dos números do ISBN, o resto dos caracteres é imposible identificalos. Téñolle moita querenza a este Skywalker (un dos pouco libros de Agustín que non publiquei), sen embargo, gábome de ter sido o primeiro lector desta historia sobre a solidariedade nos tempos da corrosión do carácter. Con certeza que chegarán outras traducións tan chulas coma esta coreana.

Directiva de editores

bretemas —  29 de Abril de 2005
Onte tivemos reunión da Xunta Directiva da AGE. Dedicamos a maior parte do tempo ao debate sobre os contidos do convenio que pretendemos asinar coa CRTVG para a promoción do libro galego na televisión (faremos á compañía unha proposta a vindeira semana).
Quedamos moi apesarados coa baixa de Positivas, da que carecemos de explicacións e pretendemos sexa reconsiderada. Foi criterio unánime da directiva abrir unha reflexión profunda sobre o funcionamento da asociación de xeito que sexamos capaces de promover unha maior participación dos asociados nas diferentes comisións de traballo. Na vindeira asemblea do 3 de xuño abordarase esta cuestión como tema central.
Os membros da actual directiva cremos que neste noso primeiro ano mellorouse a presenza dos editores galegos nas Feiras Internacionais, intensificouse a información sobre temas gremiais, foron abríndose novos portelos para a promoción do libro galego (a semana do libro galego en Barcelona, con motivo do San Jordi foi un éxito) e a comisión do libro de texto elaborou unha alternativa viable sobre a modalidade de préstamo na gratuidade do libro escolar. Sen embargo, queda moito, moito camiño por percorrer e hai temas pendentes dabondo.
Agardamos que a renovación completa do sitio web, presentarase no vindeiro mes, e a edición do proxecto Palabra de autor (libro e DVD, en colaboración coa CRTVG) con motivo do 17 de maio, constitúan dous fitos na nova etapa de proxeción profesional do gremio de editores galegos que preside con temperanza e bo criterio Miguel Anxo Fernán Vello.

Follas de bacallao

bretemas —  28 de Abril de 2005
Agradezo o garimoso posteo de Ian. Este dietario literariamente é unha obra a ter moi en conta. Presentarémola no Museo do Mar o vindeiro día 6 de maio.

Buscando a Bod

bretemas —  28 de Abril de 2005
A factoría novelística de Jordi Sierra i Fabra remata de publicar Buscando a Bod, unha homenaxe ao grande Dylan. Dedicada a Antonio García Teijeiro, a novela está protagonizada por un mozo vigués e boa parte localizada en Sal. Promete.

Perfecto Estévez

bretemas —  27 de Abril de 2005


Perfecto Estévez, 2004

O de Perfecto Estévez é un dos traballos de portadismo editorial máis interesantes dos que se están facendo en Galicia. Esta ilustración para a antoloxía de Poetas Galegos do século XX é magnífica. Traballos coma este ou os de Miguel A. Vigo, Revision ou Villalobos amosan o alto nivel do deseño editorial que se está facendo en Galicia.