Está vendo o arquivo da categoría » Marzo 2005

Manifesto pola Ría de Pontevedra

bretemas —  31 de Marzo de 2005
Recibo na caixa de correo o manifesto que onte presentou Maio Longo e un grupo de persoas vencelladas ao mundo da cultura e o ensino de Teucro. Esta asociación cultural xunto á ONG Mais Libros teñen previsto facer unha publicación con escritores que conten vivencias, experiencias ou fantasías relacionadas coa ría de Pontevedra, Tambo, Lourizán, etc. Pregan a maior difusión do manifesto para o que recaban asinaturas. Aí vai.
POLA RECUPERACIÓN DA RÍA DE PONTEVEDRA
Houbo un tempo na nosa historia recente no que non se coñecía máis vontade có capricho da autoridade dictatorial nin máis argumento có gume das baionetas. Daquela, os poderosos campaban polos nosos eidos coma se fosen seus, entraban nas nosas casas coma se fosen súas e usaban a forza dos nosos brazos coma se fose só para eles.
Foi nesa época cando nos impuxeron a construción dunha fábrica contaminante nun lugar de privilexio: a ría de Pontevedra. As fabulosas gañancias que lles ía reportar aos donos eran máis importantes có estrago que causaría envelenando a auga, o aire e a paisaxe ribeirán, privando do seu sustento a centos de mariñeiros e mariscadoras, a hosteleiros, comerciantes e outras empresas, roubándonos a súa beleza singular, arriscando a saúde de toda a poboación da contorna. A cambio, ofrecíannos o mantemento dun exiguo continxente obreiro e algunhas cativas esmolas sociais.
Esta infamia mantívose durante máis de corenta anos porque os que estaban antes deixaron todo atado e ben atado con arame de espiños e os que viñeron despois tiveron coidado en manter os seus privilexios.
Pero o tempo da ditadura pasou e hoxe acollémonos ao mandado democrático da lei e a razón. E a lei di que a concesión está a acabar e que os terreos nos que se asenta a fábrica deben ser desocupados e reverter ao dominio público. A razón, reiteradamente expresada pola maioría cidadá, demanda para a nosa ría un futuro claro e sólido de traballo, prosperidade e benestar.
O goberno da cidade de Pontevedra reclamou o cumprimento da legalidade en consonancia coa vontade popular: a fábrica debe ser trasladada a un lugar menos sensíbel á contaminación e remozada con tecnoloxías non agresivas; os postos de traballo débense manter e aínda ampliar con novas liñas de produción. Un novo horizonte ábrese ante nós, un horizonte de futuro no que caberán todos os traballos e todos os praceres derivados do aproveitamento racional dunha ría saudábel, fermosa e fecunda.
Pero os donos da fábrica resístense a perder os seus privilexios e, en connivencia con algunha forza política ancorada no pasado, poñen en xogo toda clase de arteiradas para confundir a cidadanía e tratar de impedir que se cumpra a lei.
Hoxe, cando no mundo se aposta pola saúde e a calidade de vida por enriba da industrialización salvaxe, cando desde todos os lados se admite que o futuro pasa polo aproveitamento racional e sustentábel do medio natural, hoxe, no día en que Pontevedra está a verse a si mesma con outros ollos como cidade fermosa e produtiva, remozada no seu urbanismo, coas rúas cheas de xente en permanente actividade comercial, social e cultural, cun alto grao de autoestima cidadá, hoxe, máis ca nunca, as persoas que asinamos abaixo, relacionadas co ámbito da cultura (creación, investigación, ensino, asociacionismo, etc.), queremos deixar patente o noso compromiso firme de apoio ás forzas políticas e sociais e a toda a cidadanía de Pontevedra que loitan por un futuro de esperanza.
¡Polo traballo, pola saúde! ¡Polo futuro!
¡Fóra ENCE da ría de Pontevedra!

Alivio

bretemas —  31 de Marzo de 2005
Hai moito que ler nese cento de folios presentados onte como anteproxecto da Lei Orgánica de Educación. A miña primeira valoración, a pesar do morniño da proposta (fáltalle alma política e conviccións educativas a esta ministra), é globalmente positiva. Constitúe un alivio volver ao espírito da educación comprensiva para todos da LOXSE, tras o claro paso atrás que supoñía a segregadora Lei de Calidade do goberno Aznar, cos seus itinerarios e reválidas. A proposta do goberno Zapatero é unha reforma, sobre todo, da ESO, e unha simplificación e clarificación de toda a normativa educativa.
Non é doado combinar calidade e equidade, como principios que rexen a proposta, moito máis cando a sociedade actual non promove estes valores e cando se lle demanda ao sistema educativo que compense todas as desigualdades e discriminacións. Paréceme valente defender o principio de esforzo compartido de todos os membros da comunidade educativa, propoñer a lectura e as matemáticas como eixes curriculares da educación obrigatoria, flexibilizar o sistema e a autonomía dos centros, ao tempo que establecer mecanismos externos de avaliación (indispensables para asegurar o carácter non discriminatorio do sistema). Haberá que entrar a debullar polo miúdo o texto, que compila e corrixe as catro leis anteriores vixentes (Estatuto do Profesorado incluído). Contarase con financiamento abondo? Que consecuencias terá para o currículo? Como se concretará a proposta de cooperación territorial entre as diversas Administracións con competencias educativas?
A pesar do prudente da proposta, non me extrañaría que os sectores máis conservadores comecen a bramar (algúns xa o fixeron). Cuestións como o regulamento da relixión católica e os concertos coa privada son as excusas para non entrar no debate dos temas de fondo sobre o sentido da educación pública no marco da sociedade europea do coñecemento. Non lle vai ser doado ao goberno sacar adiante a lei e, moito menos, co consenso que se propón (precisa ineludiblemente dos seus aliados de esquerda e dos nacionalistas). Ábrese o debate.

Farenheit 451

bretemas —  30 de Marzo de 2005


Manuel G. Vicente

Hoxe preparei a contracuberta de Farenheit 451, o clásico de Bradbury que editaremos en breve. A lectura da nosa tradución volveu emocionarme como hai tantos anos me sucedera coa película de Truffaut. É un deses libros que non envellece, quizais porque como 1984 e Un feliz mundo novo souberon describir profeticamente a submisión de Occidente aos medios e ao conformismo.
A novela de Bradbury resulta asombrosamente visionaria: televisións de tamaño de paredes que mostran telenovelas interactivas; carteis publicitarios de sesenta metros de longo nas estradas; altofalantes en miniatura que a xente leva nos oídos para escoitar música e as noticias; a indiferenza das persoas con respecto a todo. Escrito hai cincuenta anos!!! A prosa poética e poderosa de Bradbury fusiónase cunha percepción extraordinaria sobre o potencial da tecnoloxía para crear unha novela que aínda ten capacidade de asombrar e impactar. Recomendo vivamente visitar esta antiutopía, agora en tradución de Marlén, na que os libros están prohibidos e un grupo secreto de libros vivintes esfórzanse en transmitir de boca en boca a antiga cultura.

Internet e a normalización

bretemas —  29 de Marzo de 2005
Millán dá conta estes días dun libro xa clásico sobre Internet no centro da estratexia de normalización lingüística. O traballo de Graells e Vives sobre o caso catalán merece a nosa intención. A reseña é moi suxestiva en temas, propostas e preguntas. Cal é razón de que non apareza nin o galego nin o catalán nin o éuscaro na páxina da máis alta institución do estado? Cales son as estratexias para aumentar o uso dunha lingua na rede? A proposta de Millán para comezar a intensificala é clara:
Se queremos unha WWW rica en catalán, teremos que ter numerosos usuarios navegando a rede en boas condicións económicas (unha tarifa plana real), cun bo servizo das operadoras, dúas cousas que están faltando.

Aniversario da Radio Galega

bretemas —  29 de Marzo de 2005
Hoxe hai vinte anos que comezou as súas emisións regulares a Radio Galega. Vinte anos ininterrompidos de servizo público que merecen ser recordados. Un traballo fundamental para o noso proceso de normalización lingüística e cultural. A nosa radio pública é moito máis aberta e plural ca maioría dos medios galegos. A contribución de programas como o Diario cultural, o Miradoiro, a atención constante nas fins de semana ao deporte galego, e, sobre todo, á música de noso son impagables. Por riba, podemos escoitar na rede as súas tres canles. Cando en Galicia é tan frecuente banalizar calquera achega pública, debemos felicitarnos de contar cunha emisora coma a nosa. Beizóns para os seus profesionais.