Está vendo o arquivo da categoría » Xaneiro 2005

Jalisia

bretemas —  31 de Xaneiro de 2005



Xurxo Lobato, Galicia canibal, Chantada 1995

Onte domingo convidáronos á Domus para que intervísemos no acto de aniversario dos Sumilleres. Unha cerimonia entrañable, na que se entregaron as placas dos viños distinguidos do 2004 e na que se recoñeceu como o mellor labor xornalístico do pasado ano na promoción do viño galego o realizado polo fotógrafo de Monelos. O acto protocolario ben, o xantar mellor (o porquiño caramelizado e o follado de plátano, soberbios).
O traballo de Lobato, a pesar de ser moi coñecido, está pouco estudado entre nós. A súa Jalisia, a súa Galicia caníbal (quizais as súas series máis persoais e queridas) expresan unha Galicia de ficción, a cabalo da tatuaxe dun tempo histórico, que morre, e dun futuro de plástico e pvc. que emerxe. A súa mirada sobre esa encrucillada dun tempo mestizo produce unhas instantáneas sorprendentes, chamadas a converterse en testemuñas da aceleración histórica que vivimos na Galicia de entre séculos. Paga a pena visitar o libro que lle dedica PhotoBolsillo na Biblioteca de Fotógrafos Españoles (editado por La Fábrica). Por certo, esta magnífica colección merecería ser emulada en Galicia (a relación calidade/prezo é excelente, sen dúbida grazas á esponsorización de Caja Madrid).
Proxectos para o novo ano
Hoxe longa reunión de case dez horas coa totalidade do equipo de edición e promoción. Repasamos as vendas do pasado ano de todas as coleccións e debatemos sobre os novos proxectos. Como sempre sucede nestas ocasións, enfrontarse coa realidade dalgúns fracasos doe, e soñar os novos libros, entusiasma. Estou contento. Creo que saimos mellor ca entramos. Comeza de novo a vertixe.
Os culturetas nacionalistas
Comentamos o artigo da pobriña Luisa. Mágoa que o xornal que lle paga non lle abra un blo cos seus pareceres. Tería visitas abondo.

Tesouro de palabras

bretemas —  30 de Xaneiro de 2005



Patrimonio Inmaterial galego-portugués

Publico no Faro un artigo para apoiar a candidatura presentada diante da UNESCO, para que a tradición oral galego-portuguesa sexa recoñecida como Obra Mestra do Patrimonio Intanxible da Humanidade.
A iniciativa do colectivo Ponte nas Ondas paréceme extraordinaria e moi valente. Racha de facto a incomunicación secular cos nosos irmáns minhotos, ao tempo que pon en valor o tesouro das nosas palabras e saberes populares. Faime gracia a morneza do Ministerio español (que pretendía fose recoñecido o flamenco), actitude que contrasta co compromiso do governo portugués (foi quen presentou oficialmente a candidatura) e o apoio decidido do Consello da Cultura Galega. O venres, 4 de febreiro, presentárase na cidade do Douro a candidatura, coa presenza de dous ministros portugueses (a de Cultura e o de Cidades) e do presidente galego. Beizóns para Santiago Veloso e o resto dos seus colegas docentes por tamaña proeza.

Libros de relatos?

bretemas —  29 de Xaneiro de 2005
Onte en Teucro presentamos dous títulos de Caride: unha nova entrega da súa serie xuvenil e un libro de relatos. O presentador e o autor agradeceron que se publicase un libro de relatos, porque este xénero é infrecuente agora na edición en galego. Caride chegou a dicir coa súa ironía de sempre que “se Borges fose escritor galego non tería pasado a historia da literatura porque nunca escribiu unha novela”. É certo: no último lustro, mesmo diría que máis concretamente nos dous últimos anos, baixou moito a publicación deste xénero, ata non hai moito o máis característico da nosa narrativa, tanto en cantidade como en calidade (a relación dos nosos contistas dos anos noventa é amplísima). Hoxe apenas se publica un libro de relatos por cada catro novelas (porcentaxe aínda superior ao da edición en castelán). Contrastarei os datos. Compriría saber a qué obedece este fenómeno recente: Ao desinterese dos editores polo xénero (quizais polo seu menor prezo)? Á primacía da novela no gusto das lectoras (unha franxa de afeccionadas, que, afortunadamente, se amplía)? Á pretensión do noso sistema literario de homologarse coas preferencias do castelán (aquí o papel dos libreiros contaría)? Sería bo que autores, editores e lectores respondésemos a estas preguntas.

Galibarómetro 1/2005

bretemas —  28 de Xaneiro de 2005



Sheptun 2, Misha Gordin

Anotamos no blo os resultados do primeiro sondeo electoral galego:
  • Fraga perdería a maioría.
  • PP (35-34, baixa) PSdeG-PSOE (24-23, sobe) BNG (17, mantense).
  • O 80 % dos galegos cren que Fraga non pode liderar o futuro.
  • O 41 % dos novos votantes farano ao BNG.
  • O PP mantense en Ourense.
  • O desemprego (12%) a primeira preocupación dos galegos.

Cómpre reparar que os autores do sondeo, preparado polo Barómetro Galego da Universidade de Santiago, están vencellados ao entorno de asesores de Pérez Touriño.

Cuartas de cuberta

bretemas —  27 de Xaneiro de 2005



Agustín Fernández Paz e Andreu Martín

Estes días ando ensarillado na redacción de textos de cuarta de cuberta dalgunhas novidades de primavera. Entre as tarefas do oficio de editor esta é, probablemente, a máis complexa e comprometida. Trátase de redactar de seis a dez liñas (entre 500 e 700 caracteres) que seduzan dunha ollada aos potenciais lectores. Empresa difícil. Estas cuartas funcionan no libro coma os trailers no cinema. O proceso de preparación das cuartas serve, tamén, para sintetizar as ideas de comunicación do libro (froito da lectura demorada das últimas probas e da conversa, a ser posible, a tumba aberta co autor, imprescindible) e para a posterior elaboración dos textos promocionais (os anuncios, as follas de novidades, a reseña web ou a actualización do currículum); sen esquecer, tampouco, a súa utilidade para preparar as ideas básicas da presentación diante do público, se a houber. En definitiva, este é o momento da elaboración do discurso da editorial.

Na escrita destes textos, no caso dos títulos de narrativa, aposto pola presentación do comezo da trama, empregando os fíos da sutileza que deixou prendidos o autor, e dos temas que se abordan, fuxindo da pedantería filolóxica da categorización da obra, labor que corresponde ao momento da recepción, por parte de reseñistas ou da crítica académica. Se algo debe caracterizar o traballo do editor é a súa discreción. A nosa presenza no libro debe notarse, mais debe ser tan elegante e prudente que pase desapercibida para o lector. Debémonos ao texto e á comunicación do traballo autoral.

Camiño da cidade fabril, a onde fun con Quique presentar o seu libro de autoorgullos, sei do anuncio do premio de Agustín. Para min constitúe unha enorme alegría, a pesar de non poder publicar este texto (que sei excelente). Agus leva escrito unha das obras máis poderosas e de maior calidade da literatura galega actual, a pesar de encadrarse formalmente na literatura infantil e xuvenil, un xénero, ata agora, insuficientemente valorado pola crítica académica. Sei que todos os galardóns que reciba van ser insuficientes para recoñecer o seu talento literario desbordado e o traballo constante como escritor monolingüe. Os meus mellores desexos para a travesía que comeza a súa escola dos piratas.
Lúcido o último post de Ian. Remontar, remontar segue sendo a nosa tarefa.